O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, responde no Parlamento a unha pregunta sobre esta actuación

A Xunta investirá arredor de 2,5 M€ na ampliación do centro público integrado As Mirandas de Ares

O Goberno galego xa adxudicou, por case 87.000€, a redacción do proxecto básico e de execución para ampliación e rehabilitación do centro

Esta tramitación é posible unha vez o Concello cedeu os terreos para realizar esta actuación, coa que a Xunta está comprometida desde hai tempo

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia investirá arredor de 2,5M€ na ampliación do Centro Público integrado CPI As Mirandas (Ares). Neste momento xa está adxudicada a redacción do proxecto básico e de execución para ampliación e rehabilitación deste centro, por case 87.000€.

 

Tal e como explicou o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, esta tramitación é posible unha vez o Concello de Ares cedeu á Xunta os terreos precisos para realizar esta actuación coa que o Goberno galego estaba comprometida desde hai tempo. “En concreto, cedeu un terreo que anexiona ao centro e que permitirá a construción dun aulario de Infantil. Quedan pendentes os servizos de alumeado, telefonía e rede de sumidoiros, que debe garantir o Concello”.

 

Neste espazo a Consellería de Educación vai crear seis aulas novas de Infantil e unha aula de psicomotricidade e prevese, ao mesmo tempo, a rehabilitación integral da totalidade do actual edificio de Primaria. En función do seu estado, as actuacións de rehabilitación incluirían melloras na cuberta e no illamento, así como a renovación da carpintería exterior e das luminarias, entre outras actuacións.

 

“Esta obras enmárcanse ademais –sinalou o secretario xeral técnico– no compromiso da Xunta de Galicia por adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de futuro”. Deste xeito, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar as infraestruturas educativas ás novas necesidades educativas, de sustentabilidade e técnicas do século XXI, chegará tamén ao que é o único centro educativo do Concello de Ares.