Román Rodríguez subliña que a mellora do colexio de Viñas, en Poio, é un exemplo de modernización das infraestruturas educativas impulsadas pola Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en valor un investimento de preto de 400.000 euros neste centro que se traduce “nunha importante mellora da eficiencia enerxética e do confort para o conxunto da comunidade educativa”
 

As obras, que xa están concluídas, consistiron na substitución de fiestras e portas exteriores e na reforma dos aseos

Poio (Pontevedra), 16 de decembro 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o colexio CEIP de Viñas, en Poio, para comprobar de primeira man o resultado das obras de renovación e eficiencia enerxética nas que a Xunta Galicia acaba de investir 390.000€.

 

Segundo explicou Román Rodríguez, esta actuación, que xa está totalmente rematada, “é un exemplo da aposta pola modernización das infraestruturas educativas levada a cabo en toda Galicia de acordo co marcado no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”. Este plan, dotado con 191M€ nesta lexislatura, é a folla de ruta da consellería para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, con infraestruturas máis versátiles, sostibles e confortables.

 

No caso do colexio de Viñas, as obras consistiron na reforma dos aseos e no cambio das carpintarías exteriores (portas e fiestras) por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e vidro laminado acústico e de seguridade. “Substituíronse un total de 80 ventás”, precisou o conselleiro para facer referencia a esta obra que é a de “maior envergadura” levada a cabo no Concello de Poio en materia educativa nos últimos anos.

 
De feito, o investimento total da Consellería de Educación en Poio nos últimos anos ascende a preto de 1,6M€ dos cales máis de 1M€ concéntranse no colexio de Viñas e no de Chancelas. A maiores, este ano tamén se acometeu a renovación das luminarias por outras tipo LED no instituto IES de Poio, por un importe de máis de 82.500€.

Imaxes relacionadas