A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto para a construción das sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Vilanova de Arousa cun investimento de case 1,3 M€

Habilitarase unha senda de 1.100 metros na estrada PO-302 e o itinerario na PO-306 transcorrerá ao longo de 270 metros


Demoleranse as beirarrúas e executaranse unhas novas en todo o tramo da PO-302 que transcorre polo núcleo urbano


As obras inclúen a execución da rede de pluviais, saneamento e abastecemento, ademais da renovación da iluminación na PO-302
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de execución das novas sendas nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, no concello de Vilanova de Arousa, que suporán un investimento de case 1,3 M€.

 

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade permitirá habilitar un itinerario de uso peonil continuo na marxe dereita das estradas PO-302 e PO-306, na contorna do núcleo urbano deste municipio arousán.

 

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 24 de novembro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto no concello pontevedrés. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/s0mCsgK

 

O departamento de Infraestruturas da Xunta licitará as obras e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre de 2023, co obxectivo de iniciar os traballos tamén no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses.

 

O detalle da intervención

Esta nova intervención da Xunta permitirá executar un itinerario dunha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e unha senda de 270 metros na estrada PO-306, discorrendo entre os puntos quilométricos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre o quilómetro 0 e o 0+270 na segunda.

 

O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separado da estrada por medio dun bordo de formigón e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

 

No proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúese, tamén, a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO-302, que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

 

Ademais, construiranse os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO-302; e unha rede de pluviais na PO-306. Renovarase o alumeado na PO-302, concretamente substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación.

 

Esta actuación do Goberno galego engádese ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas na bisbarra do Salnés, que supuxeron un orzamento de máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís.

 

Na actualidade a Xunta tamén ten en marcha a execución das obras de construción dunha senda e de reparación de beirarrúas na PO-549 entre os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, cun investimento de 1 M€ para poñer á disposición dos veciños un novo itinerario de 1,6 quilómetros que lle dean continuidade ás sendas executadas nesa mesma estrada.