Inaugurada a exposición ‘O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia 1981-2021’ na Casa de Galicia en Madrid

A exposición inclúe a Proposta de Consello de Galicia, documento manuscrito de Castelao datado de 1943

Madrid, 16 de decembro de 2022 Juan Serrano, director da Casa de Galicia en Madrid acompañou a Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e a Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ex reitor desta mesma entidade e ex presidente do Consello da Cultura Galega. Villares é o comisario dunha exposición que fai un percorrido polas catro décadas de vida desta institución e, á súa vez, inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.

 

Juan Serrano afirmou que era un día moi especial paira a Casa de Galicia   “porque trouxemos a Madrid un anaco da historia do noso Parlamento galego a través dun percorrido fotográfico único. Estas fotografías son cápsulas do tempo que reflicten a alma e a parte máis humana destes 40 anos de Parlamento, e que ningún libro escrito até agora pode recoller”.

 

A exposición repasa os feitos máis destacables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, até a actualidade.

 

A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.

 

Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galicia de Castelao, datada ao redor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.

 

A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galicia. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.

 

A exposición “O poder da palabra” poderá visitarse nas tres salas da Casa de Galicia en Madrid até o próximo 29 de xaneiro, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Imaxes relacionadas