O xornalista Alberto Ramos recibe o XVI Premio Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta

O escritor foi galardoado con 12.000 euros e coa publicación do seu libro, Os corpos dos Romanov, pola Editorial Galaxia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca a importancia deste galardón para o reforzo da creación literaria en lingua galega

A Coruña, 15 de decembro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde no acto de entrega da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol ao xornalista e escritor Alberto Ramos pola súa obra Os corpos dos Romanov. O obxectivo desta iniciativa cultural, froito da colaboración entre a Fundación Repsol e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, é impulsar e reforzar a creación da literatura en lingua galega, ademais de ser unha vía de promoción para que os escritores galegos poidan chegar aos lectores.

 

O representante autonómico destacou a calidade da obra gañadora e o papel dun premio “consolidado e referente das nosas letras como é o Premio Narrativa Repsol, no que a Xunta de Galicia se sente moi honrada de participar e desde o cal contribúe á consolidación do talento literario en lingua galega”.

 

Canda Valentín García tamén participaron no acto de entrega, que acolleu a Fundación Paideia Galiza, Mercedes Gómez, subdirectora de Relacións Institucionais de Fundación Repsol; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e o gañador, o xornalista Alberto Ramos. A entrega, na que Ramos recibiu o galardón por valor de 12.000 euros e un exemplar do seu libro, publicado por Galaxia como parte do premio, contou cun recital da gaiteira Susana Seivane.

 

Dezaseis edicións apoiando a creación en galego

No ano 2006, a refinería da Coruña creou, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, o Premio Narrativa Breve Repsol, que desde 2010 promove a Fundación Repsol. Este compromiso foi reafirmado o pasado mes de xuño coa sinatura do convenio entre a Fundación Repsol e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o desenvolvemento desta XVI edición.

 

O Premio Narrativa Breve Repsol conta tamén co apoio da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), ademais de importantes personalidades da cultura galega que cada ano forman o xurado para elixir a obra gañadora.

 

Ao longo das súas edicións, o Premio Narrativa Breve Repsol consolidouse, ademais, como un certame de referencia no panorama das letras galegas e xa son preto de 500 as obras que se presentaron ao concurso desde a súa creación.

 

Sobre o gañador

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) é xornalista e escritor. No campo do xornalismo exerceu na sección de Cultura do Xornal de Galicia e traballou como sinatura independente en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes. Na actualidade, tras o seu paso pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, está centrado no eido da comunicación e da publicidade desde a axencia Con C de Comunicación.

 

No ámbito da literatura, publicou as novelas Dor pantasma (Biblos, 2006), obra premiada co Biblos Pazos de Galicia; Con acuse de recibo (Biblos, 2010), título galardoado co premio de novela por entregas de La Voz de Galicia; Todos os días (Sotelo Blanco, 2013) obra coa que se fixo merecedor do Premio Vicente Risco de creación Literaria; Máscaras rotas para Sebastián Nell (Galaxia, 2014), volume distinguido co Premio García Barros, e A simetría das bestas (Urco. 2018), libro co que recuncou no certame Vicente Risco de Creación Literaria.