A videoconsulta, a carpeta persoal de saúde e a conectividade dos dispositivos médicos, entre as funcionalidades da nova versión da historia clínica galega impulsada pola Xunta

Deste xeito, faise máis universal, transversal e integrada; potenciando a capacidade de conexión cos pacientes e xerando coñecemento

As novas incorporacións buscan “xirar o modelo”, situando o paciente no centro da decisión clínica

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

A nova versión da historia clínica electrónica potencia a capacidade de conectar cos pacientes, avanzando na transformación dixital, achegando novidades como a carpeta persoal de saúde, a videoconsulta, a conectividade cos dispositivos de saúde ou a busca de casos.

Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na clausura do acto de presentación deste novo modelo de historia clínica electrónica. Un acto en que tamén participaron distintas autoridades sanitarias do goberno autonómico e que contou, así mesmo, con Juan Fernando Muñoz Montalvo, secretario xeral de Saúde Dixital, Información e Innovación no Sistema Nacional de Salud do Ministerio de Sanidad, quen valorou o traballo da Xunta de Galicia no desenvolvemento de ferramentas dixitais con tanta proxección coma a historia clínica electrónica, un referente en todo o país.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, felicitou aos profesionais que contribuíron ao desenvolvemento desta nova versión e puxo o foco nas funcionalidades que achega. Deste xeito, a historia clínica electrónica vólvese máis universal, transversal e integrada; potenciando a capacidade de conexión cos pacientes, á vez que xera coñecemento. Funcionalidades que buscan “xirar o modelo, situando ao paciente no centro da decisión clínica”.

Entre elas, o chat e a videochamada, que promoven unha maior participación por parte dos usuarios. Xa está en marcha a implantación de máis de 12.500 pantallas con cámara e micrófono integrados, en centros de saúde e hospitais galegos, para que poidan levarse a cabo. Outras das funcionalidades que se puxeron en valor foron a conectividade cos dispositivos médicos, que facilita o envío automatizado da información que o dispositivo xera; e a carpeta persoal de saúde do paciente, que permite acceder a información compartida por este, sendo el o que ten o poder de decidir o que quere compartir e o que non. Esta funcionalidade permite rexistrar, por exemplo, os datos dun reloxo intelixente para que os vexa logo o médico.

No caso do ‘evolutivo dun problema de saúde’, reordénase a información arredor do problema de saúde do doente, de xeito que todos os datos que teñan que ver con este problema se atopen nun mesmo lugar, aínda que foran rexistrados por profesionais de distintos ámbitos.

Outro dos aspectos en que incide esta nova versión é na identificación dos pacientes que precisen seguimentos especiais e transversais como por exemplo o paciente crónico complexo. Esta funcionalidade permite a implementación de modelos de atención compartida entre os profesionais dos distintos niveis asistenciais do sistema sanitario público de Galicia; incorporando tamén a outros profesionais sanitarios doutras institucións. En colaboración coa Consellería de Política Social, logrouse que a historia clínica estea dispoñible en preto de 200 residencias sociosanitarias; e no caso dos centros penitenciarios, estase a avanzar no convenio asinado co Ministerio do Interior, para implantala na sanidade penitenciaria das prisións galegas.

Durante o acto tamén se puxo en valor as aplicacións de ‘Share’, vencellado á prescrición e recomendación de contidos relacionados con problemas de saúde do paciente ou educación en saúde. E insistiuse nas opcións que reporta a ‘Busca de casos’, ao botar man do big data e da información que se xera cada día a través da plataforma. Coa importancia de contar cunha historia clínica conectada entre atención primaria e a hospitalaria.

A explotación masiva de datos no eido sanitario

No transcurso do acto tamén se puxo en valor a cantidade de datos xerados en Galicia arredor da saúde dos pacientes, salientando a potente “fonte de datos” que se foi configurando ao longo dos últimos 12 anos, con case 2.500 millóns de rexistros almacenados. En tan só un ano, contabilízanse máis de 60 millóns de accesos á historia clínica e imaxe dixital; con máis de 240.000 anotacións diarias por parte dos profesionais.

 

O Sergas traballa en varias liñas de aplicación da intelixencia artificial. Entre elas, a detección de enfermidades raras, o emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos a profesionais e pacientes; ou a análise do comportamento das distintas opcións terapéuticas asociadas ás distintas patoloxías, para valorar en cada caso cal é a mellor na práctica clínica. Boa parte destas accións, reflíctense nesta nova versión da historia clínica electrónica.

 

A explotación masiva de datos e o impulso no desenvolvemento da IA, suporá, tal e como indica a estratexia nacional de intelixencia artificial, un impacto importante no tecido produtivo, a economía e a sociedade do dato. É por iso que dende o executivo galego se tenta facelo dende unha perspectiva humanista, que sexa garante dos dereitos individuais e colectivos dos cidadáns.