Galicia seguirá traballando coas empresas para que perciban un clima favorable ao investimento con iniciativas como a Lei de simplificación administrativa

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo na asemblea xeral da Confederación Empresarial de Pontevedra na que defendeu que os fondos europeos deben chegar a toda a base do tecido empresarial

Reclama ao Goberno unha segunda oportunidade do Perte do vehículo eléctrico e conectado que dea cabida ao proxecto de Stellantis en Vigo e un maior compromiso coas liñas de distribución e transporte da rede eléctrica

Vigo, 15 de decembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe, no marco da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra celebrada en Vigo, que Galicia seguirá traballando coas empresas para que perciban un clima favorable ao investimento con iniciativas como a Lei de simplificación administrativa.

 

Na súa intervención, o vicepresidente económico incidiu en que os fondos europeos deben chegar a toda a base do tecido empresarial, que conforman as pequenas e medianas empresas como un acicate para a execución de novos proxectos. Neste sentido, lamentou o mal deseño das convocatorias, a escasa execución de axudas, así como o efecto que está a ter nas empresas disuadíndoas de presentar as súas propostas. Na actualidade só está convocada a terceira parte dos fondos vinculados a Pertes. Ademais, reclamou ao Goberno central que convoque canto antes unha segunda oportunidade do Perte de vehículo eléctrico e conectado na que se dea cabida ao proxecto de Stellantis Vigo, garantindo unha década de investimentos en electromobilidade.

 

Tamén lembrou que Galicia precisa de máis compromiso coas liñas de distribución e transporte da rede eléctrica e puxo como exemplo proxectos como a subestación de Vigo ou novos investimentos en infraestruturas como o Corredor Atlántico do Noroeste ou a saída sur do tren para Vigo e a conexión con Oporto.

 
Finalmente, insistiu en que un tecido empresarial forte e cohesionado, con capacidade para ser motor das transformacións e retos que veñen, ten que contar cunha administración comprometida, como a galega.