A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou esta mañá no pleno da Mesa Nacional do Regadío, celebrado en Madrid

A Xunta reclama ao Goberno central que se orzamente a modernización do regadío do Val de Lemos

Inés Santé avanzou que o Goberno galego comezou a avaliar a posibilidade de desenvolver un novo proxecto de regadío nesta bisbarra lucense
 

Sinalou que se trata dunha demanda histórica desta zona que cómpre poñer en marcha o antes posible
 

No caso do regadío da Limia, sinalou que é preciso incrementar o orzamento porque as materias primas para levar a cabo as obras encarecéronse nos últimos tempos
 

De feito, destacou os seis millóns de euros de fondos propios da Xunta para a perforación de 40 novos pozos, obras que se incrementaron nun 50% sobre o presuposto inicial
 

Incidiu en que estas actuacións buscan avanzar na sustentabilidade das explotacións desta zona e lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia

Madrid, 15 de novembro de 2022 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá en Madrid no Pleno da Mesa Nacional do Regadío. Alí destacou que a Xunta reclama ao Goberno central que se orzamente a modernización do regadío do Val de Lemos para dar así resposta a unha demanda histórica da zona.

 

Neste senso, Inés Santé apuntou que a Administración galega comezou a avaliar a posibilidade de desenvolver un novo proxecto de regadío nesta bisbarra lucense. Para iso, solicitoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a urxente necesidade de orzamentar dito proxecto, máis aínda tendo en conta que se incrementa o presuposto nacional para a segunda fase dos regadíos.

 

Ademais, considerando a situación actual de inflación, a directora xeral solicitou un incremento do orzamento para a modernización do regadío da Limia, ao verse encarecidas as materias primas das obras a realizar. De feito, destacou os seis millóns de euros de fondos propios da Xunta para a perforación de 40 novos pozos -obras que se incrementaron nun 50% sobre o presuposto inicial- que permitirán completar a rede de pozos de regadíos en catro comunidades de regantes.

 

Neste senso, Santé indicou que ditas actuacións xa comezaron e avanzan a bo ritmo coa perforación de 40 novos pozos, o seu bombeo e electrificación. De feito, a perforación xa está rematada e estase traballando na determinación do caudal exacto para cada un dos pozos. De cara ao ano que vén, traballarase no seu bombeo e electrificación.

 

Ademais, a directora xeral lembrou que estas obras son necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes. Porén, insistiu en que se teñan en conta eses posibles incrementos nos custos e se habiliten máis fondos para levar a cabo dito proxecto de modernización.

 

Doutra banda, Santé tamén se referiu aos outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

 
Por último, a directora xeral puxo en valor os 38 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da comarca da Limia. Neste senso, destacou que o obxectivo é avanzar na sustentabilidade das explotacións desta zona e lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.