O Concello de Ames programa 12 novas actuacións escénicas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia a Xunta de Galicia

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da carteleira de teatro e danza que terá lugar entre xaneiro e abril nos auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro

Chévere, Talía, Sarabela, Ghazafellos, ButacaZero, Rebordelos, Ainé, Paula Quintas e Colectivo Glovo son as compañías galegas que presentarán os seus espectáculos
 

Ames (A Coruña), 15 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia colabora co Concello de Ames para ofrecer durante os vindeiros catro meses 12 novas actuacións escénicas a cargo de 10 compañías de teatro e danza no marco Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto profesional de espectáculos cofinanciado entre a administración autonómica e as entidades locais asociadas.

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta carteleira xunto cos responsables municipais e unha representación de integrantes das compañías presentes no programa. O acto, que contou cunha acción escénica a cargo da Aula de Teatro da localidade, tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un dos dous escenarios amesáns receptores desta programación, xa que as funcións previstas chegarán tamén á Casa da Cultura do Milladoiro. 

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura incidiu no compromiso que se mantén coa difusión dos espectáculos producidos en Galicia, que son os que cada temporada conforman maioritariamente a carteleira. Neste sentido, destacou o esforzo por brindarlle á veciñanza unha oferta cultural “de calidade e de proximidade” e por facelo sendo parte importante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, “o que esixe ter que acadar a maior excelencia de actuación e de xestión cara aos profesionais e cara ao público”, manifestou. 

Funcións do 20 de xaneiro ao 21 de abril

A programación iniciarase o 20 de xaneiro en Bertamiráns con N.E.V.E.R.M.O.R.E., a montaxe realizada polo grupo Chévere con motivo do vixésimo aniversario do desastre do Prestige que leva colleitando éxitos por toda España desde a súa estrea en 2021. No mesmo escenario actuará sete días despois Talía Teatro coa súa versión da Morte accidental dun anarquista, de Dario Fo con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó. Xa en marzo, chegará o teatro familiar da man da compañía Ghazafellos, que ofrecerá dous pases da súa obra Ninja. Rebordelos visitará Ames o 17 de marzo con outra dobre función de Amantis, unha proposta arredor da influencia do mundo dixital nas persoas, da que son autores Tamara Canosa e Xacio Baño. A última cita nese escenario será con Continente María, o monólogo de Melania Cruz producido por Ainé para conmemorar o centenario da actriz maría Casares e que contou coa participación do Centro Dramático Galego para a súa posta en escena. 

Na Casa da Cultura do Milladoiro a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios abrirase o 3 de febreiro coa única compañía de fóra de Galicia que forma parte deste primeiro período anual de actividade: Titzina Teatre, que porá en escena Búho, resultado da indagación teatral sobre o drama da amnesia. O día 10 será a quenda de Contos arraianos, a adaptación da obra de José Luís Méndez Ferrín e a máis recente estrea do grupo ourensán Sarabela. Un mes despois, o 10 de marzo, a protagonista será a ópera contemporánea de iago Hermo Papagena, proxecto de ButacaZero que toma o seu título dun dos personaxes principais de A frauta máxica de Mozart. A danza pechará a carteleira coas pezas Nina Ninette, de Pauia Quintas, e Tabú, de Colectivo Glovo, os días 14 e 21 de abril, respectivamente.