A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Naturgy, Repsol e Reganosa para construír unha planta de hidróxeno verde en Meirama
Salienta que o proceso permitirá a produción anual de 4.500 toneladas desta fonte renovable como produto principal para abastecemento da industria; e un subproduto -oxíxeno-, cunha produción estimada de 34.296 toneladas
Adianta que a planta, de 30 MW na fase inicial, estará operativa en 2025
O acordo do Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, potenciando a captación de investimentos e a xeración de emprego de calidade, e mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto
Ata o de agora, son 17 iniciativas as que se adheriron a esta figura en Galicia, cunha mobilización global que supera os 1.200 M€
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a declaración de iniciativa empresarial prioritaria do proxecto de Naturgy, Repsol e Reganosa para construír unha planta de produción de hidróxeno verde en Meirama, no concello coruñés de Cerceda que, segundo avanzou, está previsto que estea operativa en 2025.
“Seguimos traballando para a recuperación das zonas afectadas polo peche de centrais térmicas”, salientou o mandatario galego, quen explicou que a principal vantaxe desta declaración -aprobada hoxe no Consello da Xunta- é a axilización dos trámites administrativos para pór en marcha o proxecto, “ao reducir á metada os prazos”.
Aposta pola sustentabilidade industrial na transición enerxética
O proceso de produción de hidróxeno verde levarase a cabo mediante un sistema de electrólise alcalina alimentado 100 % con enerxía renovable. A planta, inicialmente, será de 30 MW e está, con posterioridade, o desenvolvemento dun hub de hidróxeno renovable que se ampliará en dúas fases ata 200 MW, e unha produción total de 30.000 toneladas ao ano.
Vantaxes das iniciativas empresariais prioritarias
Esta declaración –aprobada no Consello da Xunta por petición do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación– enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.