A Xunta comeza a obra de ensanchamento e mellora das beirarrúas e humanización do tramo urbano da PO-226 en Moraña cun investimento de 387.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron esta mañá o inicio dos traballos na rúa N-3, que se beneficiará desta remodelación nun treito de 300 metros entre o consistorio e a Casa da Cultura

A actuación, que ten un prazo de execución de seis meses, consistirá na ampliación das beirarrúas, a mellora da accesibilidade, a canalización de servizos, a separación das redes de pluviais e fecais, a renovación do alumeado e a dotación de mobiliario e zonas verdes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que tamén procederá á renovación da capa de rodadura e o repintado de marcas viarias, pretende mellorar a seguridade e a mobilidade nunha zona que alberga tres dependencias municipais e varios establecementos comerciais

Moraña, 15 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de ensanchamento e mellora das beirarrúas e de humanización do tramo urbano da estrada autonómica PO-226 de Moraña, correspondente coa rúa N-3 do casco urbano de Santa Lucía, cun investimento de 387.000 euros.

 

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron esta mañá o inicio dos traballos, cos que se remodelará un treito de 300 metros de lonxitude entre os puntos quilómetros 5+320 e 5 +620 da citada vía autonómica e que comprenden o espazo entre o consistorio e o límite urbano da vila máis alá da Casa da Cultura.

 

“Estamos ante un investimento moi importante que vai supoñer un punto de inflexión na arteria principal de Moraña despois de que, nunha fase anterior, acometéramos un proceso similar na rúa N-1. Agora actuamos na súa prolongación co propósito de renovar por completo a imaxe e a funcionalidade do casco urbano cun proxecto pensado principalmente nos veciños”, explicou o representante autonómico.

 

A actuación ten un prazo de execución de seis meses, polo o obxectivo é que estea rematada a finais da próxima primavera.

 

As obras consistirán na reparación, ensanchamento e mellora das beirarrúas, que son bastante estreitas e se atopan deterioradas tras décadas de uso, a corrección de badéns e outras actuacións orientadas a garantir unha axeitada accesibilidade, a dotación de canalizacións para os servizos, o desdobramento e separación das redes de pluviais e fecais, a renovación do alumeado público e a dotación de mobiliario urbano e zonas verdes para favorecer e completar a súa humanización.

 

Así mesmo, está previsto que, ao remate destes traballos, se proceda á reposición da capa de rodadura deste tramo de 300 metros e ao repintado da sinalización horizontal de marcas viarias.

 
Deste xeito, preténdese facilitar a mobilidade peonil e reforzar a seguridade viaria nunha contorna que alberga ata tres dependencias municipais –consistorio, escola de música e biblioteca– e varios establecementos comerciais.

Imaxes relacionadas