A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á rolda de prensa acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén
A Xunta participa na presentación do XVII Festival Internacional Rebulir
Esta cita terá lugar entre hoxe e o domingo no concello de Ramirás, con actuacións en Celanova e na cidade de Ourense
Ourense, 15 de decembro de 2022 A Xunta participou esta mañá na presentación da XVII edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) que se celebrará en distintas localidades da provincia de Ourense entre os días 15 e 17 de decembro. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou que este evento contribúe a difundir e poñer en valor a cultura galega a través de diferentes manifestacións artísticas.
Durante a rolda de prensa, á que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a directora xeral sinalou que o Goberno galego colabora coa organización para axudar á posta en marcha desta iniciativa que ten como epicentro o concello de Ramirás, pero tamén organiza actuacións en Celanova e na cidade de Ourense.
Ademais, o FIR entregará coma en cada edición os Premios Rebulir Cultura Galega que este ano irán destinados á agrupación lucense Fuxan Os Ventos, ao actor e narrador lalinense Celso Fernández Sanmartín e ao escritor ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín, en forma de homenaxe. Tamén haberá un recoñecemento á comunidade emigrante por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Ramirás.