O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na inauguración do Congreso de Estacións de Servizo de Galicia

A Xunta súmase ás reivindicacións do sector e insiste na necesidade de rebaixar o IVE dos carburantes e os impostos especiais

Conde lembra que o sector está á espera de saber se se van prolongar as bonificacións ao prezo dos combustibles e que outras medidas se van poñer en marcha para paliar a alza de prezos

Subliña que os retos do sector están na modernización e na progresiva implantación dos combustibles alternativos, polos que Galicia está a facer unha forte aposta

A Estrada (Pontevedra), 15 de decembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, incidiu hoxe na necesidade de que o Goberno rebaixe o IVE dos carburantes e os impostos especiais, tal e como demandan as estacións de servizo, que o sitúan no 5 %.

Conde participou no congreso organizado pola Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) na Estrada (Pontevedra), onde lembrou que o sector está á espera de saber se se van prolongar as bonificacións ao prezo dos combustibles —que, en principio, teñen vixencia ata finais deste mes—, e que outras medidas se van poñer en marcha para paliar a alza de prezos. “Hai moita preocupación en termos de competitividade e de impacto sobre o poder adquisitivo das familias”, dixo.

Como marco de referencia para avaliar o actual contexto que atravesa o sector, o vicepresidente económico aludiu ao proceso de transición que “nos vai levar a un mix enerxético claro, desde o punto de vista da xeración e desde o punto de vista da demanda e dos usos desa enerxía; e que tamén vai afectar á mobilidade”, precisou.

Nesta liña, subliñou que os retos, como en calquera outro sector, están en seguir impulsando a modernización e a profesionalización, coa introdución das novas tecnoloxías. E tamén en promover a diversificación e a transformación coa progresiva implantación de novos combustibles alternativos.

Ao respecto, lembrou a aposta que Galicia está facendo polos biocombustibles e as enerxías alternativas con proxectos como a planta de fertilizantes e biometano que Repsol, Naturgy e Reganosa prevén construír nas instalacións de Meirama, así como as plantas de produción de hidróxeno verde que se proxectan en Meirama e As Pontes.

 

Imaxes relacionadas