A Xunta comprométese a continuar traballando coa Asociación Empresarial do Tambre para seguir captando investimentos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu ao acto de homenaxe ao asociado desta entidade

Destaca que tanto os premiados como o resto de empresas do polígono fan do Tambre o pulmón industrial de Santiago de Compostela
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe ao acto de homenaxe ao asociado da Área Empresarial do Tambre, á que trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando xuntos esperando o mellor nesta etapa de transformacións. Conde destacou que tanto os premiados como o resto de empresas do polígono fan do Tambre o pulmón industrial de Santiago de Compostela, salientando a pegada industrial deste parque empresarial, con preto de 600 empresas que xeran 7.000 empregos directos.  

O responsable de Economía, Industria e Innovación resaltou a visión da Área Empresarial do Tambre para seguir captando investimentos cara a este parque empresarial, que desde a Xunta se acompaña, entre outras medidas, coas políticas para facer o solo industrial máis accesible, tal e como recolle a Lei de áreas empresariais e a Lei de simplificación administrativa. Así, lembrou que o presidente da Xunta anunciou esta mesma semana que o vindeiro ano se van manter as bonificacións de entre o 30 e o 50% no prezo do solo industrial para aquelas empresas que opten por instalarse nos parques empresariais dos que é titular a Administración autonómica.  

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro referiuse tamén ao futuro polo biotecnolóxico de Galicia, Sionlla Biotech, grazas ao traballo conxunto coa Asociación Área Empresarial do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello.

Imaxes relacionadas