O presidente da Xunta participou na XXVII edición dos premios da Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra (Aproin)

Rueda destaca que os orzamentos da Xunta para 2023 reservan case 177 M€ para políticas de vivenda e solo empresarial, un 10,5% máis que este ano

Subliña que o obxectivo estratéxico do Goberno galego pasa por poñer á disposición da cidadanía 1.200 vivendas públicas máis

Reafirma a aposta da Xunta polo alugueiro social e pola promoción de vivendas para maiores e para persoas con discapacidade

Felicitou os premiados e o sector pola súa contribución ao progreso da Comunidade galega: “Sigamos construíndo Galicia xuntos”, alentou
 

Vigo, 14 de decembro de 2022

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou que os orzamentos da Xunta para 2023 reservan case 177 millóns de euros para políticas de vivenda e solo empresarial, un 10,5 % máis que este ano. O mandatario galego deu a coñecer o dato no acto de celebración da XXVII edición dos premios da Asociación de Promotores inmobiliarios de Pontevedra (Aproin), ao que asistiu acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez

Alfonso Rueda deulles a en hora boa aos promotores dos proxectos recoñecidos este ano: a rehabilitación do edificio da rúa Velázquez Moreno, o centro de saúde de Bouzas, o conxunto residencial de Areas ou o centro comercial Vialia, así como tamén a Aproin pola súa traxectoria e, en xeral, a todo o sector da construción e da promoción inmobiliaria pola súa contribución ao progreso da Comunidade galega: “Sigamos construíndo Galicia xuntos”, alentou. 

O titular do Goberno galego incidiu na obriga das Administracións na promoción dun urbanismo responsable, dunha política de vivenda integradora e dinamizadora e dunha rehabilitación que alente de nova vida o patrimonio. E recordou que a Xunta, nese obxectivo, aprobara hai catro anos a Lei de rehabilitación, asinara a posta en marcha do Pacto social pola vivenda ou apostara por figuras como os plans básicos municipais para que ningún concello galego quedara sen plans urbanísticos. 

Nesa mesma liña, os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano reservan case 177 millóns de euros para políticas de vivenda e solo empresarial, un 10,5 % máis que no presente cun claro obxectivo: dotar a Galicia de 1.200 vivendas públicas máis -1.000 de nova construción e 200 de rehabilitación co cargo ao programa Rexurbe-.

A recuperación do patrimonio inmobiliario é outra das patas da filosofía aplicada aos orzamentos, de tal maneira que se destinarán case 2,5 millóns de euros a axudas para que os concellos rehabiliten vivendas de titularidade municipal ou infravivenda e se manterá o fondo de cooperación dos concellos para actuacións de rehabilitación. 

Coa intención de seguir aumentando o parque inmobiliario para atender as necesidades residenciais das familias, o presidente da Xunta anunciou que antes de que finalice o ano se convocarán tres liñas de axudas para a promoción pública e privada de vivendas con destino ao alugueiro social (8,4 M€), para a promoción de vivendas para maiores ou persoas con discapacidade (4 M€) e para a promoción de aloxamentos temporais e vivendas colaborativas (6,8 M€). A estas medidas sumaranse 12,4 millóns para a urbanización de solo residencial -dos que 8,8 millóns serán para a urbanización de San Paio de Navia- ou a recente convocatoria do concurso de venda en dereito de superficie de parcelas para construír vivendas de protección autonómica.

 

Imaxes relacionadas