Galicia contará co Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía aprobado hoxe na Conferencia Sectorial de Turismo a proposta da Xunta

O obxectivo desta iniciativa é a promoción de Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas no horizonte 2023-2025

Trátase do segundo dos plans territoriais impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro dos Fondos Next Generation

Este Plan, dotado dun orzamento de 34,5M de euros, contempla actuacións como comoa adecuación de instalacións para a realización de experiencias enogastronómicas; ou a posta en marcha dunha rede de mobilidade nas cinco Rutas do Viño de Galicia en vehículo eléctrico

No marco da reunión aprobouse tamén, grazas á proposta de Estremadura e Galicia, que a próxima convocatoria do Plan Nacional estea orientada en torno ao Turismo Azul/Sol e Praia, que engloba as augas interiores, embalses, augas termais e as praias fluviais
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022

A directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Antonio Casas, respectivamente, participaron esta tarde por videoconferencia no pleno extraordinario da Conferencia Sectorial de Turismo, onde foi aprobado o Plan territorial de  sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia proposto polo Goberno galego, que ten como obxectivo a promoción da nosa comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas do territorio.  

No marco da reunión aprobouse tamén, grazas á proposta de Estremadura e Galicia, que a próxima convocatoria do Plan Nacional estea orientada en torno ao Turismo Azul/Sol e Praia, que engloba as augas interiores, embalses, augas termais e as praias fluviais. 

O Plan Territorial de Galicia, está composto por 3 Actuacións de Cohesión en Destino (ACD), cun investimento de 14,9 millóns de euros, e 13 Plans, 11 deles de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), impulsados por entidades locais, que recibirán un total de 17 millóns de euro e 2 do Plan Nacional de Enogastronomía, que son o PSTD da Asociación Terras de Compostela e o Plan de Sostibilidade Turística no Destino Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle, que contan cun orzamento de 2,6 millóns de euros. 

Este Plan, dotado dun orzamento de 34,5M de euros, é o segundo dos plans territoriais impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro dos Fondos Next Generation da UE. Tralo impulso do Plan do litoral de Galicia, o segundo dos eixes temáticos arredor dos que a administración autonómica constrúe a súa planificación é a enogastronomía, como elemento diferenciador da oferta turística galega e poderoso motor dinamizador do tecido socioeconómico do territorio.

 A posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sustentable desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo son os obxectivos arredor dos que se vertebra este plan, cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.
 
 Este plan contempla, ademais, intervencións referidas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria e das súas contornas para mellorar a imaxe tanto física como dixital dos destinos, potenciando a chegada do AVE a Galicia, así como a mobilidade sustentable, que ten por obxectivo reducir o impacto ambiental dos desprazamentos dos visitantes polo territorio e mellorar a accesibilidade aos lugares de interese dinamizando así a actividade turística.
  

Actuacións de cohesión en destino

Inclúense actuacións nos aloxamentos con encanto en Destinos enogastronómicos de Galicia para a adecuación de instalacións para a realización de experiencias enogastronómicas; a creación de Galicia Gastro Experience como centro de referencia para a mellora da enogastronomía galega como experiencia turística; e a posta en marcha dunha rede de mobilidade nas cinco Rutas do Viño de Galicia en vehículo eléctrico. Estas tres actuación suman un investimento de 14,9 millóns de euros. 

Plans de sustentabilidade en destino

No marco destes Plans, Galicia presenta 11 que suman un orzamento de 17 millóns de euros, nos que se atopan :

 

1.       PSTD Os Fogóns do Anllóns (Carballo, Coristanco, Laracha, Ponteceso, Cabana de Bergantiños) 1.500.000€.

2.       PSTD Et edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía (concello de Lugo) 2.000.000€

3.       PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria (O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco, Carballeda) 1.500.000€

4.      PSTD Barbanza-Arousa. Viaxe a través da historia dos sabores (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo) 1.500.000€

5.      PSTD Ribeiro – O Carballiño (Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrenda, Pontedeva) 1.500.000€

6.      PSTD Condado Paradanta Destino Enogastronómico (A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño) 1.500.000€

7.       PSTD de Vigo (Concello de Vigo) 2.000.000€

8.      PSTD do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño “Despensa de Galicia” (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño, Tui) 1.500.000€

9.      PSTD O Carballiño e a gastronomía do Polbo (concello de O Carballiño) 1.000.000€

10.   PSTD de A Guarda (Concello A Guarda) 1.000.000€

11.    PSTD O Grove. A Gastromeca. Construción dun novo modelo baseado na emoción e a autenticidade a través da súa cultura gastronómica (Concello do Grove) 2.000.000 €

 

Plan Nacional Enogastronomía

O Plan Nacional de Enogastronomía contempla en Galicia tamén o PSTD da Asociación Terras de Compostela, que conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros da Asociación Terras de Compostela; e o PSTD da Deputación da Coruña, co Plan de Sostibilidade Turística no Destino Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelleto de 1.375.400 euros.