O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe as tres instalacións deste tipo que están en servizo no municipio lucense

A Xunta destaca os coidados de proximidade, a dedicación e a profesionalidade das casas de maior de Triacastela

Estes equipamentos tamén funcionan como lugares de encontro para os maiores que viven en concellos pequenos, polo que axudan a evitar situacións de soidade non desexada

Triacastela (Lugo), 14 de decembro de 2022 O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe “os coidados de proximidade, a dedicación e a profesionalidade” que reciben os maiores de Triacastela nas tres casas do maior que desde hai un ano están abertas neste municipio lucense. Coincidindo con este primeiro aniversario, Antón Acevedo visitou os tres equipamentos situados no núcleo urbano de Triacastela, e nas parroquias de Folgueiras e Vilar. 

O director xeral apuntou que as casas do maior, ademais dun servizo para a atención sociosanitaria, son lugares de encontro que tamén axudan a evitar situación de soidade non desexada entre os maiores. Así mesmo, lembrou que nelas se atenden a un máximo de cinco persoas durante oito horas diarias de luns a venres, coa posibilidade de que estas poida escoller o horario de asistencia que mellor se adapte ás súas necesidades. 

A Xunta mantén a súa aposta polas casas do maior desde que se abriron as primeiras no ano 2018, ata chegar hoxe ao centenar en funcionamento por toda a Comunidade Autónoma. No orzamento de 2023 destínanse 3,9 millóns de euros a conservar e reforzar esta rede.

 

Imaxes relacionadas