A Xunta sinala que a transformación empresarial require que as administracións estean á altura da súa iniciativa e visión estratéxica
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no 45º aniversario de Asime
Avoga por acompañar a industria cos investimentos necesarios en infraestruturas de transporte e distribución eléctrica
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta mañá, durante a celebración do 45º aniversario de Asime, que a transformación empresarial require que as administracións públicas estean á altura da súa iniciativa e visión estratéxica.
Neste sentido, avogou por acompañar a industria cos investimentos necesarios en infraestruturas de transporte e distribución eléctrica, pero tamén desde o punto de vista da simplificación da tramitación administrativa e poñendo á súa disposición os fondos europeos Next Generation.
Conde, que felicitou a Asime polos seus 45 anos de traballo e ás persoas e empresas distinguidas durante o acto, puxo en valor o sector do metal que, na actualidade, dá traballo a 57.000 persoas en Galicia e xera o 38% do emprego industrial.
Tal e como explicou, trátase dun sector que representa o pasado e o presente da industria galega pero, sobre todo, o futuro, no que a dixitalización, a sustentabilidade, o talento e a formación serán determinantes. Por iso desexou que o tecido empresarial galego poida seguir marcando fitos neste contexto de transformacións no que a colaboración con Asime será fundamental.