Diego Calvo participa na entrega do XXI Premio Iurisgama a Julio Padilla Carballada e o Montero Ríos a José Manuel Sieira Míguez

A Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama) recoñeceu a traxectoria dos dous galardonados pola súa traxectoria no ámbito da xurisprudencia

Madrid, 14 de decembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, na XXI edición dos Premios Iurisgama e Premio Montero Ríos outorgados pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, que acolleu hoxe o Senado.

 

Neste ano, o XXI Premio Iurisgama da entidade recaeu en Julio Padilla Carballada, membro do corpo xurídico militar e coronel auditor, exvocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, e académico da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

 

Por outra banda, co Premio Montero Ríos foi recoñecido o maxistrado José Manuel Sieira Míguez, que formou parte durante máis de 25 anos da Sala Terceira do Tribunal Supremo, da que foi presidente no período 2010-2015.

 

Ambos premiados contan con outras distincións como a Gran Cruz de San Raimundo de Peñafort, ás que suman agora o recoñecemento da asociación Iurisgama que cada ano recoñece o bo facer dos profesionais galegos no ámbito da xurisprudencia.

 

Diego Calvo puxo en valor estes premios pola proxección que supón para os xuristas galegos en Madrid, así como o traballo de Iurisgama como punto de encontro para os galegos e galegas que participan na Administración de Xustiza na capital madrileña.

 

Nesta liña, incidiu tamén na aposta da Xunta para contar en Galicia cunha xustiza áxil e moderna con medidas como a dotación de salas de vistas dixitais en todos os xulgados galegos. No que se refire ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza, o Goberno galego xa aprobou melloras como o desenvolvemento da traxectoria profesional da que, cun investimento de 5,7 millóns de euros en 2023, se beneficiarán máis de 2.700 traballadores. Ademais, crearanse 24 novas prazas de funcionarios para atender os tres novos xulgados de Primeira Instancia concedidos polo Ministerio de Xustiza á comunidade o próximo ano: o nº6 de Lugo, o nº15 de A Coruña e o nº16 de Vigo.

Imaxes relacionadas