O presidente da Xunta interveu na gala do XXV aniversario do distintivo
Rueda celebra que o éxito da marca Galicia Calidade asociara para sempre a excelencia ao nome e aos produtos da Comunidade
Pon en valor a traxectoria das 150 empresas que se sumaron á iniciativa e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo
Avanza a aposta do Goberno galego polo lanzamento da sección Galicia Calidade Alimentaria, que englobará producións alimentarias con excelencia recoñecida, e que se investirán case 5,5 M€ en 2023 na promoción dos nosos produtos agroalimentarios
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que o éxito da marca Galicia Calidade asociara para sempre a excelencia ao nome e aos produtos da Comunidade. Na gala na que se celebrou o XXV aniversario do distintivo, o titular do Goberno galego puxo en valor a traxectoria das 150 empresas que se animaron a formar parte “dunha marca esixente” e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo.
“Rachou tópicos e amosou unha Galicia que non se baseaba nin imaxes grises nin lendas negras”, enxalzou Rueda, quen agradeceu a “aposta visionaria” que tiveron de sumarse nos seus inicios a este distintivo marcas xa nese momento amplamente recoñecidas nos mercados, como Estrella Galicia, Coren ou Jealsa. “As tres apostaron desde un principio e teñen agora moita potencia”, valorou.
Unha nova aposta polo sector agroalimentario
Alfonso Rueda, quen asistiu á gala acompañado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros do Medio Rural e do Mar, José González e Rosa Quintana, respectivamente, subliñou que a andaina, lonxe de se interromper, ampliarase coa sección Galicia Calidade Alimentaria, que apostará por produtos recoñecidos do sector alimentario galego, “pensando sobre todo en impulsar a súa internacionalización”.