O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na Conferencia Sectorial de Educación

Galicia reclama ao Ministerio que retire a reforma da ABAU porque agravará as desigualdades entre alumnos en función da comunidade de procedencia

Román Rodríguez lamenta que a proposta que quere impoñer o Goberno central en vez de solucionar problemas “vainos acentuar ao tempo que devaluará a cultura do esforzo”

Rexeita o elevado cómputo da nova proba de madurez, que non ten en conta ámbitos académicos tan importantes como a filosofía, a historia ou as linguas

Sinala que o texto está suscitando “críticas moi profundas, non só desde o punto de vista político, senón de carácter técnico por parte de colectivos de profesores e de institucións culturais de primeiro nivel”

Propón ao Ministerio de Educación “sentarnos de novo apostando por una liña de traballo dialogada e construtiva que non só garanta a igualdade entre as persoas, senón que xere tamén un marco de análise e uns criterios de avaliación homoxéneos”

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia reclama ao Goberno do Estado a retirada do proxecto de nova ABAU que o Ministerio de Educación pretende impoñer de xeito unilateral e que, na práctica, agravará as desigualdades entre os estudantes en función da comunidade autónoma de procedencia, ao tempo que devalúa a cultura do esforzo. Por iso, propón iniciar de novo un marco de traballo conxunto baseado nun “diálogo real” para deseñar uns criterios obxectivos e homoxéneos consensuados en beneficio do conxunto da sociedade.

Así o expuxo esta tarde o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na reunión da Conferencia Sectorial de Educación, onde explicou que nestes momentos só quedan dúas opcións: “tirar para adiante por un camiño que non nos leva a ningures ou poñer o marcador a cero e sentarnos de novo a traballar desde un marco aberto, de diálogo real e acadar un consenso útil que as actuais présas impiden”.

Na súa exposición, o conselleiro reiterou que a proposta do Ministerio “non só non corrixe as debilidades que ten o actual sistema, senón que as agrava” mediante a introdución dunha nova proba de madurez, cun peso porcentual moi significativo na nota final e que, na práctica, “devalúa ámbitos académicos tan importantes como son a filosofía, a historia ou as linguas”. Tamén fixo referencia ás “críticas moi profundas, non só políticas, senón de colectivos de profesores e de profesionais de institucións culturais de primeiro nivel”.

Así pois, en opinión do titular de Educación do Goberno galego, “o Ministerio faría ben en retirar o proxecto, sentándonos de novo e apostando por unha liña de traballo que non só garanta a igualdade entre as persoas, senón que xere tamén un marco de análise e uns criterios de avaliación homoxéneos con niveis de esixencia e corrección similares”. “En Galicia -abondou o conselleiro- apostamos pola igualdade de oportunidades, porque haxa probas que non sexas heteroxéneas e que sexan homologables e porque haxa normas claras, que non xeren confusión e diferencias”, afirmou

Precisamente a falta de diálogo foi un dos elementos que levou a Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, a abandonar a mesa de traballo técnica sobre a ABAU, posto que o Ministerio non ten en conta ningunha das achegas propostas. En palabras do conselleiro, este grupo de traballo “é un simulacro de participación onde se di que hai diálogo e consenso pero que, na práctica, só existe unha medida unilateral de aplicación dun proxecto co que non estamos de acordo”.

Imaxes relacionadas