A Xunta mellora a accesibilidade do centro socio cultural de Bóveda ao abeiro da liña de axudas a equipamentos culturais

O Goberno galego destina medio millón de euros a este fin en toda Galicia
 

Na provincia de Lugo inxectáronse 162.463 en proxectos de 14 concellos
 

A actuación enmárcase no impulso do Goberno galego á participación sen barreiras nas manifestacións culturais, que se traducirá na Lei de Cultura Inclusiva e Accesible
 

Bóveda (Lugo), 13 de decembro de 2022

  O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou esta tarde o centro socio cultural de Bóveda, cuxa accesibilidade acaba de mellorar a Xunta de Galicia. Esta actuación é unha das máis de 40 beneficiarias no programa de axudas do Goberno galego para mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades culturais cun investimento de 500.000€.

No caso de Bóveda, a Xunta financiou nun 72% a obra de mellora da accesibilidade, cunha axuda total de 24.000€. En concreto, a actuación supuxo a eliminación dun bordo de beirarrúa que dificultaba o acceso e a saída, así como a renovación da porta principal incorporando medidas axeitadas para que sexa máis manexable. Así mesmo adaptouse o acceso ao escenario coa instalación dunha plataforma elevadora portátil con capacidade para 300 quilogramos e fixéronse os cambios precisos para acadar un aseo plenamente adaptado.
 
Ao abeiro destas axudas, a Xunta inxecta 162.463€ na mellora dos equipamentos culturais da provincia de Lugo aos que, ademais de Bóveda, súmanse a agrupación de concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Caurel, e os concellos de Alfoz, Chantada, Ourol, Outeiro de Rei, Samos, Sarria, O Saviñao, O Valadouro, Viveiro e Xermade.
 

Lei de Cultura Inclusiva

Esta actuación enmárcase, ademais, na liña prioritaria do Goberno galego de impulsar a participación activa de todo tipo de persoas e colectivos nas manifestacións culturais, ao tempo que se favorece o seu acceso sen ningún tipo de barreira. Para acadar este obxectivo, a Xunta está a tramitar a futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, unha lei pioneira en España e no resto de Europa.

Entre os seus aspectos máis destacados, o novo texto normativo abranguerá as dúas direccións de relación das persoas coa cultura, é dicir, tanto a vertente creativa e xeradora de produtos e servizos culturais, como a vertente de acceso e consumo destes produtos e servizos.