Os directores xerais de Defensa do Monte e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron hoxe no Foro Next Educación sobre os incendios forestais

A Xunta pon en valor os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para a loita contra os incendios forestais

Ambos directores xerais defenderon a importancia da ordenación do territorio como elemento imprescindible para reducir o risco de incendios, mitigar o seu impacto e axudar ao seu control


A Lei de recuperación brinda varios instrumentos como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo, cuxa eficacia puido comprobarse este verán coa aldea de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón, onde os pasteiros frearon o avance do lume
 

Culleredo (A Coruña), 13 de decembro de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron hoxe no Foro Next Educación sobre os incendios forestais. Nas súas intervencións, ambos defenderon a importancia da ordenación do territorio como elemento imprescindible para reducir o risco de incendios, mitigar o seu impacto e axudar ao seu control, servíndose das posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria.

 

Neste sentido, a Lei brinda varios instrumentos para a xestión do territorio como os polígonos agroforestais, que teñen como obxectivo fundamental pór en produción terras en estado de abandono ou infrautilización. Tamén conta coas aldeas modelo, que nacen cun dobre obxectivo, o primeiro, xerar actividade económica mediante un aproveitamento agrario sostible das terras abandonadas que rodean a aldea e, o segundo, a redución do risco de incendio mediante a xestión activa, sostible e produtiva da biomasa.

 

Nesta liña, directora xeral  da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou no seu relatorio que no primeiro ano de vixencia desta norma estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia, das que 8.788 ha corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 ha a outras 21 aldeas modelo.

 

Ademais, a eficacia destas ferramentas púidose comprobar nos incendios deste verán coa aldea modelo de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón, cuxos pasteiros frearon o avance do lume, que se dirixía cara ás casas. Unha idea na que incidiu o director xeral de Defensa do Monte, que participou nunha mesa para abordar solucións para facer fronte aos incendios.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural