Luis López anuncia que a Xunta executará ou activará 8,8 M€ en investimentos nos vindeiros meses no concello de Caldas de Reis

O delegado territorial presidiu este mediodía a sesión mensual da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, celebrada na Oficina Agraria Comarcal ao abeiro do seu percorrido itinerante pola provincia, que xa a levou por Oia, Covelo, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures, Rodeiro, O Porriño e Portas

Luis López, que xunto aos xefes territoriais foi recibido polo alcalde, Juan Manuel Rey, concretou que os próximos investimentos serán a ampliación do IES Aquis Celenis, o Centro de Fabricación Avanzada do sector lácteo, as parcelarias de Bemil, Saiar e Godos, a creación do aparcadoiro disuasorio de Saiar e o saneamento de Paradela e Reguengo, entre outros

“A Xunta de Galicia ten un compromiso firme e constante co desenvolvemento dos concellos rurais e de interior como Caldas, e xa traballamos nunha ducia de actuacións máis que estarán en marcha e incluso se rematarán o próximo ano”, explicou o representante autonómico

Caldas de Reis (Pontevedra), 13 de decembro de 2022 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 8,8 millóns de euros nos vindeiros meses no Concello de Caldas de Reis, segundo se analizou na sesión mensual de decembro da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada hoxe na nova Oficina Agraria Comarcal.

“A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co desenvolvemento dos concellos rurais e de interior como Caldas de Reis, e tras investir recentemente na mellora de pistas, no Camiño de Santiago por mor deste dobre Xacobeo, no obradoiro de emprego e os cursos de formación ou nos centros educativos, entre moitas outras, xa traballamos nunha ducia de actuacións máis que estarán en marcha e incluso se rematarán o próximo ano. Apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías e que amosan o ánimo do Goberno galego para colaborar co seu futuro e coa calidade de vida dos veciños”, explicou Luis López.

O representante autonómico, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido na remozada dependencia rural polo alcalde, Juan Manuel Rey, e por outros membros do goberno local e agradeceu a acollida no municipio para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.

No marco desta política de descentralización e proximidade da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures, Rodeiro, O Porriño e Portas.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando o balance final deste dobre Xacobeo, a situación das peaxes das autoestradas ante a inminente suba das de titularidade estatal, a situación sanitaria da pandemia da covid-19 tras a inoculación da cuarta dose da vacina, os Orzamentos 2023, o éxito dos Bonos Activa Comercio, Bono Cultura e Bono Turístico 2022 ou os niveis de emprego e outras cuestións de índole socioeconómica, entre outras.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 8,8 millóns de euros que se destinarán ao Concello de Caldas de Reis nos vindeiros meses, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

Deste xeito, programáronse, como investimentos inminentes, a ampliación do IES Aquis Celenis coa redacción do proxecto, de gran complexidade técnica; a posta en marcha do Centro de Fabricación Avanzada a prol da Agrupación de Cooperativas Lácteas –pertencente a Clesa–; a creación dun aparcadoiro disuasorio público e gratuíto de 72 prazas en Saiar; e a dotación da rede de saneamento e depuración nas zonas rurais de Paradela e Reguengo, por citar os máis destacados.

Tamén haberá importantes avances e investimentos nas concentracións parcelarias de Bemil, que vén de ser decretada e na que se procederá á declaración ambiental, a investigación da propiedade e a redacción das bases; a de Saiar, coa elaboración e entrega dos títulos de propiedade; e a de Godos, na que se redacta o proxecto para a mellora de acceso a fincas.

“Estamos moi satisfeitos dos investimentos programados para Caldas e tamén do grao de cumprimento e do cronograma, pero a cifra aínda será maior, posto que a Xunta vai construír un novo centro de saúde ao abeiro do Plan de Infraestruturas Sanitarias cando teñamos unha parcela, por parte do Concello, que cumpra cos criterios técnicos e urbanísticos”, detallou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas