A Xunta anima as modistas galegas a formar parte da marca Artesanía de Galicia

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá no I Congreso Modistas Galicia, no que falou da relevancia histórica deste oficio tradicional na Comunidade, así como da marca como un valor de futuro para estas profesionais
 

A marca Artesanía de Galicia engloba diferentes epígrafes vinculados a este oficio coma o de modista, xastre, bordado, tecidos ou encaixe

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá no I Congreso Modistas Galicia, celebrado no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, a xerente destacou o papel desenvolvido tradicionalmente polo colectivo de modistas nas vilas e cidades galegas que máis adiante se converterían tamén nun piar fundamental das grandes empresas téxtiles.

 

Elena Fabeiro destacou que hoxe en día a sociedade está a volver confiar nas vantaxes dos oficios artesanais, que permiten un consumo máis consciente e unha produción máis sostible, grazas á elaboración de prendas á medida, únicas e duradeiras. Neste sentido, sinalou que a marca Artesanía de Galicia avala o traballo deste colectivo de artesás e artesáns posto que existen unha serie de actividades artesanais vinculadas a este oficio recollidas no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta como son modista/o, xastre/a, elaboración de tecidos, encaixes, bordados, peletería, sombreiraría, decoración de teas, centón, calceta e gancho e, moi especialmente, a produción de traxes tradicionais, que segue a ter unha grande importancia en Galicia.

 

Dentro destes últimos, atópanse tamén os traxes tradicionais de Entroido, de vital importancia en certas zonas de Galicia coma o sur de Ourense (cigarróns, peliqueiros, pantallas, felos, etc.) ou nesta mesma comarca de Compostela, cos xenerais da Ulla.

 
O Congreso Modistas Galicia nace da necesidade de poñer en valor o sector da modistería galega e de buscar puntos de reactivación do sector, e tamén devolver á profesión todo o que esta achegou ao país, xa que foi o piar da industria téxtil galega e un motor económico moi importante para a economía de moitas familias galegas.

Imaxes relacionadas