Fernández-Tapias anima as familias viguesas a desfrutar do espectáculo ‘Inventio’ que chegará a Vigo este Nadal da man do xacobeo

Vigo, 13 de decembro de 2022

  A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este martes o espectáculo “Inventio”, unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixo vertebrador da identidade cultural galega.

A proposta -un proxecto da promotora Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación la Caixa- consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional.

“Gracias a esta iniciativa o Camiño e a cultura galega viaxarán a través dun espectáculo apto para público familiar e adulto no que reborda o humor, o misterio e a fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses”, sinalou a reprensentate autonómica durante a presentación.

Fernández-Tapias estivo acompañada no acto por Patricia Romaní, directora de Instituciones de CaixaBank en Galicia Sur, e por Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events. Ademais, a presentación contou cun grupo de 50 alumnos de infantil e primaria do CEIP da Carrasqueira de Coruxo.

A delegada chamou a atención sobre o feito de que a proposta non se basea, como é habitual, na tradición histórica do Camiño, senón que pon os ollos nas súas futuras pegadas, “avanzando que o fenómeno xacobeo seguirá marcando a identidade cultural galega das vindeiras xeracións”. 

 

Tres funcións

Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro. Os billetes están á venda en www.teuticket.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan se non ocupen butaca. 

Desde a súa estrea en Ferrol, o espectáculo está a desenvolver unha intensa xira que xa recalou en Santiago, Salamanca, Lugo, Pontevedra e Ourense e que vai chegar nas vindeiras semanas a Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro).
“Atmósfera máxica”

“Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. É un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade”, sinalou Martín Varela.


Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo.

 

Dirección artística e musical

Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado 'Triki' e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez.

Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación 'la Caixa', e conta tamén co apoio de Sargadelos.
 

Imaxes relacionadas