A Xunta licita por preto de 145.000 € as obras da senda na AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo

A senda favorecerá a circulación a pé ao longo dun treito da vía autonómica coincidente cunha intersección, reformulando o cruce e habilitando o espazo para o encaixe do itinerario

As empresas interesadas en acometer a actuación, cun prazo de execución de 3 meses, terán ata o vindeiro 17 de xaneiro para presentar as súas ofertas

Esta intervención forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil na contorna, que xa conta en sentido Arteixo cun camiño para peóns paralelo á vía, e en sentido Pastoriza construirase, nunha actuación posterior, unha beiravía protexida

A Xunta segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A  Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por preto de 145.000 euros as obras de execución dun treito de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 17 de xaneiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 3 meses.

 

A Xunta destinará un investimento total de máis de 150.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios necesarios, para a execución desta intervención de mellora da seguridade viaria e de promoción da mobilidade sustentable. O acto expropiatorio de levantamento de actas previas tivo lugar o pasado 11 de outubro e este vindeiro xoves, día 15, levarase a cabo o acto de formalización das actas de ocupación.

A actuación consiste na redefinición dun treito de senda que posibilitará a circulación a pé ao longo dun treito desta vía autonómica, coa execución dun itinerario peonil continuo, o reforzo do firme da vía existente e outras actuacións de reforzo da seguridade viaria.

Máis en concreto, actuarase no treito da vía autonómica situado entre os puntos quilométricos 5+280 e 5+410, que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda.

 

Esta intervención da Xunta forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. En sentido Arteixo hai un camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza dotarase dunha beiravía protexida con balizas, que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.

 

Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, a intervención comeza na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, a vía actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mampostería.

 

A intervención céntrase despois no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.

 

Despois actúase no tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, continuando co itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.

 

Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á estrada AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.

 
O Goberno galego segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.

Imaxes relacionadas