O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentan a publicación xunto coa súa autora

A Xunta pecha a programación do centenario de María Casares coa presentación da tradución da súa biografía ao galego

Anne Plantagenet é a autora de ‘A Única. María Casares’, que afonda na pegada da actriz galega en Francia


Editada por Kalandraka e traducida por Isabel Soto, a obra conta co apoio da Xunta de Galicia


O Goberno galego homenaxeou este ano a vida e obra de Casares desde diversas perspectivas cunha ducia de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, presentaron esta mañá a tradución ao galego de  A única. María Casares, xunto coa autora da obra, Anne Plantagenet. Editada por Kalandraka co apoio da Xunta de Galicia e traducida por Isabel Soto, a obra afonda na pegadasda actriz galega en Francia, tanto dentro do ámbito teatral como fóra del, para o que a autora mesmo se aloxou na casa da actriz en Charente.

 

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, “Anne Plantagenet é unha das persoas que mellor coñece a traxectoria de María Casares, á que nos presenta como muller e actriz feita a si mesma”. Neste sentido, o director xeral de Cultura sinalou o valor desta obra “para recuperar a figura da actriz cunha biografía a medio camiño entre o relato vital e a novela”.

 
Centenario do nacemento

Anxo M. Lorenzo destacou que a tradución desta obra vén poñer o ramo á celebración do centenario do nacemento de María Casares, unha efeméride que a Xunta de Galicia conmemorou cunha programación diversificada e plural que incluíu proxectos vinculados á escena, ao audiovisual, á arte e, como neste caso, ao eido editorial.

 

Varias destas iniciativas continúan aínda activas. En concreto, ata o 27 de xaneiro poderá visitarse na Biblioteca de Galicia a exposición bibliográfica María Casares, a conquista da existencia; mentres que a mostra que acolle a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, María Casares, residente privilexiada, poderá visitarse ata o 21 de decembro.

 

No eido escénico e audiovisual a efeméride incluíu a estrea do documental María Casares: a muller que viviu mil vidas, dirixido por Xabier Villaverde e producido por Agallas Films co apoio da Xunta; así como a coprodución teatral do Centro Dramático Galego con Ainé Producciones Continente María. Pola súa banda, a Filmoteca de Galicia dedicou un ciclo audiovisual á traxectoria de María Casares no cinema.

 

Ademais, o Museo de Belas Artes da Coruña acolleu o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, cunha ducia de relatorios con personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada.

 

Todas estas iniciativas intégranse na intensa programación levada a cabo pola Xunta durante todo o ano a través de máis dunha ducia de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorreron a pegada de María Casares desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios como a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.

 

Unha vida dedicada á interpretación

Nada na Coruña en 1922, María Casares dedicou a súa vida á interpretación, tanto no teatro como no cinema, cunha dilatada traxectoria en Francia, onde se exiliou en 1936. Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, chegando a converterse en musa do existencialismo francés. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.