O titular do Goberno galego participou nos actos do 50 aniversario do CEIP Antonio Palacios
O Goberno galego aumenta o investimento no ensino para seguir mellorando o “magnífico nivel” de Galicia
Os orzamentos do 2023 destinarán 2.793 M€ ao ensino galego, a cantidade máis alta da súa historia
Defende que investir en educación “sempre é rendible” e advirte que un país é avanzado cando así o fai
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o aumento do investimento do Goberno autonómico no ensino galego nos Orzamentos do ano que vén para seguir mellorando o “magnífico nivel educativo de Galicia”, en referencia a que os de 2023 destinarán 2.793 millóns de euros a esta materia, a cantidade máis alta da súa historia.
Neste senso, puxo en valor o importante papel que desenvolven os profesionais do sistema educativo, xa que admitiu que “por moitos investimentos ou melloras dos centros” que realice a Xunta, esta mellor da calidade educativa “sería imposible sen a vocación” do persoal docente. Precisamente, agradeceulles aos mestres e mestras a súa vocación, implicación e esforzo “en mellorar na transmisión de coñecementos e de entender os cambios do mundo”, en referencia á incorporación ao longo destes anos de novas materias a impartir nos centros vencelladas coa tecnoloxías e cos idiomas.