A Xunta financia os traballos de restauración dun paso de palio da Confraría de Dolores

Ferrol, 12 de decembro de 2022.-

A Xunta de Galicia contribuirá ao financiamento das obras de restauración do paso de palio da Santísima Virxe da Amargura e da Piedade da Confraría de Dolores. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, participou esta mañá no acto de presentación da intervención da que se fará cargo a empresa Industrias Cándido Hermida e que terá un custo de 40.000 euros.

 

Os traballos de restauración que financia nun 50% a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conservarán a estrutura actual interior de soporte do trono que se revestirá de pezas de madeira, realizando molduras de follas de pan en cor prata. Tamén decoraranse con esa técnica novas tallas realizadas e se incluirán novos varais en madeira maciza.

 

O paso obxecto da intervención chegou a Ferrol procedente de Ciudad Real en 2010. A confraría espera que a súa restauración estea rematada para a Semana Santa 2023.

Imaxes relacionadas