A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe no seminario Redes, grupos e retos para o novo Leader 2023-2027

A Xunta destaca o traballo dos últimos dous anos dos GDR galegos en prol do rural

A directora xeral indicou que precisamente hoxe é un día especial para falar do futuro do programa Leader, xa que é o día no que se asinaron as addendas aos convenios cos 24 grupos de desenvolvemento rural de Galicia

Afirmou que isto asegura o financiamento necesario durante o ano que vén para que o equipo de 63 técnicos que traballan pegados ao territorio poidan seguir facéndoo, ao tempo que traballan en novas estratexias para o próximo período

Asegurou que os GDR contan cunha axuda de 35.000 euros cada un para a elaboración destas estratexias, que ascende a un total de 840.000 euros, un orzamento que triplica o que tiveron en 2016 para a elaboración das estratexias actuais
 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022.-

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu hoxe ao seminario Redes, grupos e retos para o novo Leader 2023-2027, organizado pola Asociación de grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia. Así, a directora xeral participou  na mesa redonda acerca da evolución do Leader e o novo período 2023-2027 xunto con representantes na materia dos Gobernos de Asturias, Castela e León e Cantabria. Na súa intervención, Inés Santé destacou o traballo levado a cabo nos últimos dous anos polos GDR galegos en prol do rural.

 

Entre as iniciativas postas en marcha destacan os proxectos de cooperacións entre os GDR galegos e outros grupos nacionais ou entidades privadas -un exemplo de como buscar sinerxías e unir esforzos- ou a mesa de coordinación entre os GDR e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -para mellorar a comunicación e a coordinación entre todas as partes-.

 

Ademais, Santé indicou que precisamente hoxe é un día especial para falar do futuro do programa Leader xa que é o día no que se asinaron as addendas aos convenios cos 24 GDR de Galicia. Deste xeito, asegúrase o financiamento necesario durante o ano que vén para que o equipo de 63 técnicos que traballan pegados ao territorio poidan seguir facéndoo todo o ano 2023, ao tempo que traballan en novas estratexias para o próximo período do programa Leader. De feito, os GDR contan cunha axuda de 35.000 euros cada un para a elaboración destas estratexias que ascende a un total de 840.000 euros, un orzamento que triplica o que tiveron en 2016 para a elaboración das estratexias actuais.

 

Así mesmo, a directora xeral asegurou que os grupos de desenvolvemento rural xogan un papel fundamental dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia co fin de explicar e asesorar tanto á poboación local como aos agricultores, gandeiros ou produtores forestais sobre as posibilidades que ofrecen estes novos instrumentos e identificar as zonas do territorio onde se dan as características máis adecuadas para a súa posta en marcha.

Imaxes relacionadas