O Rosal conta cun pavillón máis accesible grazas ao convenio entre Xunta e Concello por máis de 200.000 euros

Lete Lasa destaca a aposta polo deporte adaptado e polo balonmán que supón esta intervención no pavillón no que xoga os seus partidos o Valinox Novás que loita polo ascenso á Asobal

O Rosal (Pontevedra), 12 de decembro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou o renovado pavillón municipal do Rosal, no que se vén de acometer unha importante reforma para mellorar as condicións de accesibilidade, así como os espazos de usos dos deportistas, garantindo tamén a súa seguridade. O proxecto de mellora levouse a cabo a través dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello do Rosal, a través do que se investiron máis de 200.000 euros (201.153,52 euros), cunha achega da Xunta de Galicia do 60% (120.000 euros).

 

Deste xeito, o pavillón adáptase ás necesidades de persoas usuarias con diferentes tipos de mobilidade, con percorridos completamente accesibles que permiten mellorar non só o acceso ao público, senón incluso dar un paso máis alá e abrir as portas do pavillón a actividades de deporte adaptado. Un traballo, salientou o secretario xeral “moi importante para facer municipios máis inclusivos a todos os niveis”.

 

Ademais da instalación dun ascensor, durante as obras reformáronse integralmente as zonas de vestiarios e aseos, cambiouse o chan mellorando o illamento e creouse unha rampla e unha plataforma horizontal que garante o acceso ao interior do pavillón. Estas melloras súmanse aos traballos de reforma dos vestiarios locais e do cambio da pista de xogo para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro.

 

O pavillón conta cunha alta actividade deportiva e é sede do club de balonmán Valinox Novás, que na actualidade transita na segunda posición da División de Honra Prata Masculina de balonmán.

Imaxes relacionadas