A Xunta avanza na procura dun acordo que permita a prestación do servizo de practicaxe no porto de Cee

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, segue a traballar de xeito intenso na procura dun acordo que permita a prestación do servizo de practicaxe nos portos de Cee, Laxe e Corcubión. Con esta finalidade, a presidenta do organismo portuario, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa directora corporativa de Xeal -empresa operadora no porto de Cee e principal usuaria do servizo de practicaxe- e coa profesional que está en condicións de prestar o servizo -a práctica habilitada- así como coa empresa consignataria dos buques no citado porto.

Durante a reunión de traballo afondouse nos condicionantes de todas as partes para poder pechar a contratación por parte de Portos de Galicia dun servizo indirecto prestado por operadores privados. Neste sentido, a presidenta de Portos insistiu en que a Xunta está a facer as xestións pertinentes e a traballar da man da empresa Xeal para garantir a prestación deste servizo portuario en Cee.

Imaxes relacionadas