Trátase da primeira das accións previstas en máis de 1.100 paradas das vías autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, cun investimento de case 28 M€

A Xunta recibe 4 ofertas para a mellora de 32 paradas de autobús nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, cun investimento de 1,3 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar estas obras ao longo da estrada autonómica AC-552 na primavera, cun prazo de execución de 12 meses

A Xunta ten como obxectivo fomentar o acceso ás cidades en transporte público, dotando as paradas de autobús de maior seguridade e accesibilidade, instalando marquesiñas, postes, bancos e o apoio isquiático

Mellorarase a accesibilidade para peóns e persoas con mobilidade reducida e reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 4 ofertas para mellorar 32 paradas de autobús na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, o que suporá un investimento autonómico de 1,3 M€.

Estas obras, que necesitan expropiacións, comezarán na primavera e teñen un prazo de execución de 12 meses.

 

A actuación consiste na mellora da seguridade e da accesibilidade de 32 paradas de autobús situadas ao longo de 15 km da vía autonómica AC-552 nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha. Este último municipio concentrará no seu territorio a maioría das actuacións, un total de 18.

 

As intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

 

Trátase da primeira das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global de case 28 millóns de euros.

 

A iniciativa forma parte do Plan de infraestruturas para unha mobilidade segura, verde e intelixente da Xunta de Galicia.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, segue a traballar en 21 proxectos que se están redactando para mellorar as paradas de autobús e a súa contorna.

 

Nas vindeiras semanas someteranse a información pública os distintos proxectos, xa que algunhas actuacións implican expropiacións. Así, a finais de marzo prevese ter licitadas 10 obras, cun investimento de 13,4 M€, avanzando na contratación do resto das actuacións nos seguintes meses, ata completar os 27,96 M€ de investimento total previsto.

 

As actuacións serán financiadas con fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, previsiblemente, tamén con fondos FEDER 21/27.

 

Actuacións

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A localización óptima destas infraestruturas é en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

 

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

 

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

 

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

 

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.