A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe a execución dos traballos na vía autonómica PO-504, que ten un tráfico de 12.000 vehículos/día, con especial intensidade na época estival

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 1,2 M€ nas obras das beirarrúas e de seguridade da estrada Sanxenxo e Vilalonga, que estarán rematadas no verán

Vázquez Mourelle sinala que os traballos de mellora das beirarrúas ao longo de 3,8 km da estrada PO-504 están executados ao 40%, restando 400 metros para chegar á zona onde se habilitará unha nova glorieta, no cruce da Vichona

Sitúa na primavera o remate deste itinerario peonil continuo e accesible na marxe esquerda da vía, con beirarrúas dun ancho de 2 m e un mínimo de 1,65, que supón un investimento autonómico de 222.000 €

Esta intervención inclúe a reordenación do aparcadoiro da marxe esquerda da vía e as accións complementarias de reubicación de semáforos e iluminación, instalación de vallas de protección, novos sumidoiros e un novo paso de peóns

 

Sanxenxo (Pontevedra), 12 de decembro de 2022 A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 1,2 millóns de euros na mellora das beirarrúas e da seguridade viaria na estrada que une Sanxenxo e Vilalonga, actuacións que, avanzou, estarán rematadas para o verán. 

Trátase das dúas obras en execución na PO-504 que, tal e como destacou a conselleira, son clave para a mellora da seguridade desta vía autonómica, en Sanxenxo, máis tendo en conta o tráfico da vía, que chega a superar os 12.000 vehículos/día, e é especialmente intenso no verán. 

Vázquez Mourelle Indicou que a primeira actuación, que comezou en setembro coas obras de mellora das beirarrúas ao longo de 3,8 km da PO-504, están a avanzar a moi bo ritmo. De feito, precisou, os traballos están executados ao 40%, e restan 400 metros para chegar á zona onde se vai a habilitar unha nova glorieta, no cruce da Vichona. 

Segundo abundou, o prazo de execución é de 6 meses, polo que antes da primavera estará finalizada esta mellora de beirarrúas na PO-504 cun investimento da Xunta de 222.000 €. 

A conselleira sinalou que nesta intervención a Xunta está a executar un itinerario peonil continuo e accesible pola marxe esquerda da PO-504, ampliando as beirarrúas onde non dispoñen de ancho suficiente e construíndo novos treitos onde actualmente non as hai. Segundo concretou, estase a dotar ese treito da PO-504 de beirarrúas, en xeral, cun ancho de 2 metros, cun mínimo de 1,65 metros alí onde non hai espazo para máis. Tamén se renovan as baldosas que presentan deterioros e estase a elevar a súa cota onde é preciso. 

A conselleira engadiu, ademais, que se aproveita esta intervención para reordenar o aparcadoiro existente na marxe esquerda e acométense actuacións complementarias, como a reubicación de semáforos e iluminación, a instalación de vallas de protección, novos sumidoiros e pintado e creación dun novo paso de peóns, no quilómetro 1+230 da estrada. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que, en paralelo a esta intervención, a Xunta comezou en novembro as obras de mellora da seguridade viaria en varios treitos con interseccións da PO-504, entre os lugares do Vinquiño e Gondar, catalogados como treitos de concentración de accidentes. Concretou que se está actuando, aproximadamente, entre o quilómetro 1 da estrada, na zona do Vinquiño, e o quilómetro 3, ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar, coa reconfiguración do trazado e a renovación de 5 interseccións.  

A conselleira apuntou que, ata o de agora, as obras para eliminar os puntos de concentración de accidentes identificados ao longo de case 4 km da vía centráronse na contorna da farmacia. A intervención, que supón un investimento da Xunta de 982.000€, ten un prazo de execución de 12 meses e a Xunta prevé acurtalo co obxectivo de rematar os traballos para o verán. 

Con respecto a esta intervención na PO-504, Ethel Vázquez destacou a previsión de mellorar a seguridade viaria da actual intersección en ‘T’ do inicio do treito de actuación, na marxe esquerda da estrada, dotándoa de cuñas e carril central de espera, para garantir saídas e incorporacións máis seguras, así como a ordenación da intersección con dous camiños na marxe dereita, en torno ao quilómetro 1+300.  

Ethel Vázquez salientou, ademais, a glorieta que se habilitará na intersección co camiño ao Santo, no cruce da Vichona. Esta glorieta, de 28 metros de diámetro exterior, ordenará os movementos das vías coas que entronca e permitirá o cambio de sentido dos vehículos en condicións seguras. Tamén se referiu á reordenación da intersección que conecta coas dúas estradas da Deputación provincial, canalizando o tráfico cun carril central de espera e semaforización. 

Con esta intervención, concluíu, melloraranse, ademais, as paradas de autobús, reforzarase a seguridade nos pasos de peóns e actuarase na sinalización de todo o treito. 

Ethel Vázquez enmarcou estas dúas novas actuacións neste concello nas dúas liñas prioritarias nas que está a traballar o Goberno galego, o reforzo da seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica e a mellora da accesibilidade peonil nestas vías.

 Deste xeito, dixo a conselleira, co acondicionamento das beirarrúas facilitase que os veciños de Sanxenxo e os visitantes fagan os seus desprazamentos a pé de xeito máis seguro polas marxes desta estrada que vai a Vilalonga, ao tempo que se incrementa a seguridade viaria ao actuar sobre os treitos de concentración de accidentes, co obxectivo de que os vehículos que circulan por esta estrada o fagan en condicións de maior comodidade e seguridade.          
 

 

Imaxes relacionadas