O director xeral de Defensa do Monte inaugurou en Pontevedra o Congreso sobre prevención, modelo forestal e usos do solo, enmarcado nesta iniciativa Interreg

A Xunta pon en valor os avances que supón o proxecto europeo interlumes na mellora da loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa

Manuel Rodríguez destacou os 9 millóns de euros de investimento previsto, co obxectivo central de reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais no territorio transfronteirizo


Salientou os progresos rexistrados no desenvolvemento do proxecto, como o recente sometemento a información pública do proxecto de construción dunha base aérea no territorio de Verín e Chaves ou a celebración dun congreso monográfico en Silleda
 

Pontevedra, 12 de decembro de 2022

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, inaugurou esta mañá en Pontevedra o Congreso sobre prevención, modelo forestal e usos do solo, enmarcado no proxecto europeo Interlumes, que se integra, á súa vez, no Programa Interrreg VA 2014-2020 Galicia- Portugal (POCTEP).

 

Precisamente esta iniciativa Interreg, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), centrou a intervención do representante da Consellería do Medio Rural. Así, o director xeral puxo en valor que para financiar o proxecto, no que ademais da Xunta participan o Goberno portugués e outras institucións de Galicia, Castela e León e Estremadura, prevese un investimento total de máis de 9 millóns de euros.

 

Nesta liña, Manuel Rodríguez lembrou que o obxectivo fundamental de Interlumes é o de reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal. Para iso -explicou-, a través do proxecto melloraranse e reforzaranse os medios existentes de prevención e extinción de incendios. Tamén se avanzará na definición dun protocolo de actuación conxunta e xestión compartida de medios e modelos de actuación na defensa contra o lume que homoxeneíce as actuacións que in situ se levan a cabo na fronteira.

O director xeral salientou que, de feito, xa se deron pasos neste sentido co sometemento a información pública, o pasado día 4 de novembro, do proxecto de construción dunha base aérea no territorio fronteirizo de Verín e Chaves, que permita atender de forma máis áxil, eficaz e eficiente os incendios forestais.

 

Características da base aérea

Esta base caracterizarase pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra.Con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de 23 hectáreas e disporá dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.

Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m² con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 l./min. Ademais, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de hidrantes (bocas de incendio).

 

Congreso internacional en Silleda

Neste marco, o director xeral recordou tamén a recente celebración en Silleda do Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes 2022, no que participaron expertos de Galicia, do resto de España e de Portugal. Este encontro serviu, precisamente, para avanzar e para reforzar a necesaria formación especializada e a coordinación operativa, co fin de mellorar a resposta na loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa. Por último, Manuel Rodríguez destacou que o proxecto Interlumes conta tamén con accións encamiñadas a sensibilizar a poboación fronte aos riscos dos lumes.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural