O presidente do Goberno galego visitou as obras de urbanización da terceira fase do parque das Gándaras en Lugo
A Xunta aposta por promover solo empresarial para favorecer tecido industrial en Galicia
Rueda resalta o éxito do proxecto do novo parque empresarial das Gándaras, que ten adxudicado o 100% do solo das fases rematadas e reservada parte da fase 3, en construción
O Goberno galego xa traballa na redacción dos proxectos das vindeiras fases para dar continuidade a un polígono referente na provincia de Lugo e que acolle empresas de sectores punteiros en toda Galicia
Subliña que no vindeiro ano vanse manter as bonificacións de ata o 50% para a compra de solo empresarial en territorio galego
Lugo, 12 de decembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a aposta da Xunta para promover solo empresarial, xa que considerou que favorece a creación de tecido industria en Galicia “para seguir producindo actividade económica e seguir producindo riqueza”. “Non é algo que se fai en todas as comunidades e aquí imos seguir facéndoo con máis intensidade”, avanzou en referencia á que o Goberno galego destinará no 2023 a esta fin 34 millóns de euros.
Manter as bonificacións ás empresas para adquirir solo
Alfonso Rueda incidiu na firme aposta do Goberno galego por atraer investimentos empresariais a Galicia e promover a expansión de industrias xa asentadas, cun dobre obxectivo: revitalizar a economía galega e xerar emprego de calidade. Nun contexto de crise económica e incertezas, a Xunta optou por dar facilidades ás empresas asentadas en Galicia e tamén ás que se queren asentar na Comunidade, polo que o presidente da Xunta puxo en valor que o vindeiro ano o Executivo autonómico manterá as bonificacións “de entre o 30 e o 50% no prezo do solo” ás empresas que opten por instalarse en parques empresariais titularidade da Xunta.