A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras para dotar de abastecemento de auga potable distintos núcleos de Pantón, cun investimento de case 610.000 €

Dotarase deste servizo a 240 veciños de 26 núcleos das parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, que actualmente se abastecen de auga a través de pozos
 

Habilitarase unha captación de 120 metros de profundidade e construirase un depósito de 100 m³, ademais de instalacións complementarias
 

Tamén se disporá unha rede de distribución con 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión e outra por gravidade
 

As obras teñen un prazo de execución de 6 meses e son froito da colaboración entre a Xunta, que achegará un investimento de algo máis de 520.00 € e executará as obras, e o Concello, que contribuirá con 130.000 €
 

A Xunta mantén o seu apoio aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e seguir mellorando a calidade de vida da poboación no rural

 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2022

  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras para dotar de abastecemento de auga potable as parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, no concello de Pantón, que foron licitadas por importe de case 610.000 euros.  

 

O obxectivo é dotar de rede de abastecemento de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos destas parroquias, que actualmente carecen deste servizo, abastecéndose a través de pozos.

A través deste contrato executarase unha captación de 120 metros de profundidade; construirase un depósito de 100 m³, de estrutura de formigón armado; e adxacente unha caseta coa cámara de chaves, un grupo de presión equipado con dúas bombas con caudal variable e presión constante, e o equipo de cloración. 

 

Tamén se disporá unha rede de distribución, de tubaxe de polietileno de alta densidade. Serán 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión naquelas zonas onde esta non é suficiente para levar a auga as casas e, no resto, por gravidade; ademais de 149 acometidas.

Estas intervencións teñen un prazo de execución de 6 meses e suporán, no seu conxunto, un investimento de 650.000 euros.

As obras serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.

 

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Pantón.

Así, a entidade hidráulica Xunta, aínda que Pantón pertence á conca de responsabilidade estatal, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, redactou o proxecto desta actuación e será a encargada de executar as obras para dotar de servizo de abastecemento estas tres parroquias de Pantón. A Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cunha achega de 520.000 euros, ademais de contratar e executar as obras.

Pola súa banda, a entidade local achegará os outros 130.000 euros e asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación destes servizos municipais.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.