A Xunta destaca o traballo levado a cabo pola Asociación rural de desenvolvemento da ría Muros-Noia para contribuír a facer que Galicia sexa un destino máis sostible e competitivo

A Asociación conta cun dos Plans de sustentabilidade en destino dotado con 2 millóns de euros

O Plan de sustentabilidade ten como obxectivo facer un destino sostible e competitivo fomentando novos produtos centrados na gastronomía e no turismo activo aproveitando as condicións da ría para a práctica deportiva

O obxectivo perseguido é levar a cabo actuacións de impulso da sustentabilidade turística na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, a fin de beneficiar aos destinos turísticos, aos axentes sociais e aos operadores do sector

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o traballo levado a cabo polos concellos da Asociación rural de desenvolvemento da ría Muros-Noia para contribuír a facer que Galicia sexa un destino máis sostible e competitivo, no marco da visita ao miradoiro do monte da Muralla, beneficiario dunha das actuacións do Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

 

Nava Castro que estivo acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; da alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo; do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; e dos alcaldes de Noia e Outes, Santiago Freire e Manuel González, respectivamente, indicou que este Plan ten como obxectivo facer un destino sostible e competitivo potenciando recursos da zona, e fomentando novos produtos que axuden a desestacionalizar e diferenciar a oferta turística centrados na gastronomía e o turismo activo, aproveitando tamén as condicións da ría para a práctica deportiva.

 

Este proxecto, para o que se destinan 2 millóns de euros engloba entre outras actuacións, ademais das melloras no miradoiro do monte da Muralla,  o reforzo da senda litoral da ría de Muros – Noia, coa apertura de novos tramos caminables e ciclables así como zonas de autocaravanas e bicicletas. Potenciarase tamén  o itinerario cultural a Santiago, apertura de tramos históricos en desuso, mellora de núcleos urbanos non litorais no itinerario (A Serra), a posta en valor e sinalización de recursos e a posta en valor do das minas de San Finx.

 

O obxectivo é implementar actuacións de impulso da sustentabilidade na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, a fin de beneficiar tanto aos ditos destinos turísticos, como aos axentes sociais e aos operadores privados do sector.

Imaxes relacionadas