A Xunta recoñece as mellores propostas no ámbito da creación de videoxogos dentro do certame Xuventude Crea 2022

María Santalla Martínez e Daniel Alejandro Santiago Mayoral fixéronse co primeiro posto coa obra ‘K.I.W.I.’

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022

O equipo formado por María Santalla Martínez e Daniel Alejandro Santiago Mayoral fixéronse co galardón do certame Xuventude Crea 2022 na especialidade de Creación de videoxogos coa proposta ‘K.I.W.I’. A través deste programa, o Executivo autonómico recoñece o talento e a creatividade da mocidade galega en distintas categorías.

 

O segundo lugar foi para a creación titulada ‘Poupar’, que elaboraron Jorge Fernández Meneses, Eloi Pena Gómez, Celia Fernández Gómez, Brandán Reino Gorín e Sara Martínez Narváez. O terceiro premio quedou deserto. Os gañadores recibirán unha gratificación de 3000 euros; e 1500 euros o equipo que quedou en segunda posición.

 

Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos participaron nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 concorren un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

 

Categorías

As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.