A Xunta formará ao alumnado de 25 colexios galegos no respecto e no coidado do territorio grazas a unha nova edición de ‘Eu son inspect@r urbanístic@’

Entre xaneiro e xuño, persoal da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística impartirá obradoiros e actividades lúdicas e pedagóxicas nos centros participantes

Esta actividade enmárcase no Proxecto Terra, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de Arquitectos de Galicia no ano 2000 para sensibilizar aos escolares sobre os espazos onde viven e a súa contorna
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia achegará un curso máis á comunidade educativa o respecto pola contorna e a necesidade de promover o coidado do territorio a través dunha nova edición da actividade divulgativa Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu, que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2019-2020. 

A partir do mes de xaneiro e ata o vindeiro xuño, persoal da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) —concretamente, inspectores e subinspectores que desempeñan o seu labor en toda Galicia— achegaranse ata os 25 centros educativos participantes para impartir obradoiros e outro tipo de actividades de carácter pedagóxico, desde unha perspectiva lúdica e dinámica. Na edición deste ano detectouse un grande interese por participar de xeito que se cubriron con rapidez a totalidade das prazas dispoñibles e varios centros permanecen en lista de agarda. 

A través de material didáctico específico, o alumnado participante traballará de forma creativa dentro da aula a complexidade do territorio e da contorna paisaxística, analizando os elementos que os compoñan, afondando en conceptos como o patrimonio natural e construído, as infraestruturas, o medio ambiente, o cambio climático, a pegada ecolóxica ou as actividades e construcións no territorio, unha aprendizaxe que constitúe un eslavón fundamental para que as sociedades do presente e do futuro realicen un uso sustentable, ordenado e responsable do territorio, entendido como un ben de todos. 

As actividades propostas estarán dirixidas por equipos conformados por 2 inspectores da APLU, que de forma presencial desenvolverán nos centros sesións adaptadas aos niveis e idades do alumnado de infantil, primaria e secundaria a través de obradoiros teatrais para os máis cativos, unha actividade de traballo en equipo, xogos interactivos e sesións de carácter teórico-práctico nas que se debaterá sobre como coidar do territorio. 

Cómpre lembrar que esta actividade enmárcase no Proxecto Terra, unha iniciativa de cooperación co mundo educativo impulsada no ano 2000 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para sensibilizar e dar a coñecer entre os escolares aspectos relacionados coa arquitectura, o territorio e os espazos que os rodean desde unha perspectiva pedagóxica. 

Nos seus máis de 20 anos de funcionamento converteuse nun proxecto afianzado e moi coñecido, con contidos útiles, actividades de interese e experiencias formativas para as etapas educativas ás que se dirixe (infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP). 

O obxectivo é mellorar o coñecemento que a cidadanía ten do urbanismo, a arquitectura e a paisaxe empezando polos máis cativos e a través do eido educativo. Ademais, este tipo de proxectos resultan moito máis enriquecedores para o alumnado e reverten de xeito positivo no resto da comunidade educativa, dando a coñecer as formas de habitar do ser humano sobre o territorio e espallando o respecto polo patrimonio.

 Cómpre subliñar que entre as actuacións que se levan a cabo no marco do Proxecto Terra figuran tamén actividades fóra da aula, como visitas guiadas a elementos de arquitectura contemporánea, ou iniciativas como a de Eu son inspect@r urbanístic@. 

Neste sentido, a finais de novembro comezou a formación do profesorado que participa nesta iniciativa, uns cursos que se impartirán ao longo dos dous primeiros trimestres do presente curso escolar e que teñen como fin ofrecerlle aos docentes dos centros inscritos información útil sobre os contidos nos que se basean os materiais empregados nas actividades gratuítas que se farán co alumnado no marco do Proxecto Terra.