Becerreá, Baralla e As Nogais teñen en marcha o cuarto obradoiro 'Vía Künig' financiado pola Xunta con 510.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que está previsto construír dúas sendas peonís paralelas á estrada N-VI e ampliar o centro sociocultural de Baralla para habilitar un punto de atención aos peregrinos

Becerreá (Lugo), 10 de decembro de 2022

A cuarta edición do obradoiro de emprego Vía Künig, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 510.000 euros, está en marcha nos municipios de Becerreá, Baralla e As Nogais.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que o taller formará a 20 persoas alumnas nas especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. Nesta ocasión a actividade durará un ano, xa que a Consellería ampliou en 2022 a duración dos obradoiros dos nove aos doce meses.

 

As persoas participantes recibirán formación teórica e práctica especializada e levarán a cabo obras e servizos públicos nos respectivos concellos. Así, está previsto executar cadansúas sendas peonís paralelas á estrada N-VI en Becerreá -entre a localidade e O Cereixal – e nas Nogais – localizada na Ferrería -; así como ampliar o centro sociocultural de Baralla para habilitar un punto de atención aos peregrinos.

 

Ao rematar, os alumnos e alumnas recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España. Ademais, o obradoiro dual Vía Künig inclúe incentivos á contratación para catro dos participantes, que terán a oportunidade de traballar como mínimo outros tres meses máis nunha empresa da zona relacionada coas actividades aprendidas.

 

Arias subliñou que os obradoiros ofrecen formación e orientación para o emprendemento en profesións con boa saída laboral e afirmou que a Xunta leva destinadosarredor de 1,5 millóns de euros nos últimos catro anos para financiar as sucesivas edicións deste taller de emprego promovido por Becerreá, Baralla e As Nogais.