A Xunta fíxase como prioridade o traballo coa comunidade escolar para a eliminación de todo tipo de violencias contra as mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe en Ferrol á presentación dun vídeo elaborado polo alumnado, equipos docentes e familiares de centros escolares de Ferrolterra para sensibilizar contra a violencia dixital

A iniciativa enmárcase no IV programa escolar ‘Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero’ que a Federación de Anpas da comarca desenvolveu co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

López Abella avogou pola coeducación e a eliminación de estereotipos desde idades temperás nun acto que congregou máis de 50 escolares

A posta en marcha de medidas para a detección precoz da violencia de xénero e a violencia sexual entre a poboación escolar é unha das liñas de acción do VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027

Ferrol, 9 de decembro de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, referendou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia para traballar pola igualdade desde idades temperás e incrementar a implicación dos centros na detección precoz das violencias sexual e de xénero e combater as iniquidades por razón de orientación sexual e identidade de xénero. López Abella asistiu a presentación do vídeo Rompe a cadea da violencia de xénero dixital! elaborado por escolares, nais e pais e docentes dos centros de Ferrol e Comarca no marco das IV Xornadas escolares de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero, cofinanciadas pola Consellería de Promoción e Igualdade.

A secretaria xeral lembrou que en 2023 a Xunta destinará 400.000 euros en axudas directas para que as Anpas poidan seguir a traballar en materia de igualdade con iniciativas que, como a de hoxe, poñen o acento na “eliminación de todo tipo de violencias”. 

A Xunta de Galicia ten en marcha o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, que abrangue de xeito transversal todas as políticas públicas e incorpora medidas prioritarias para acometer no eido educativo.

Tal e como lembrou López Abella, trátase de garantir a igualdade no eido escolar e de “reforzar a coeducación como instrumento de transformación dos valores que perpetúan desigualdades entre mulleres e homes”. Doutra banda, indicou, reforzaranse as  actuacións para implicar os centros educativos no traballo en prol da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e por razóns de orientación sexual e identidade de xénero.

Para López Abella é fundamental a posta en marcha de medidas “dirixidas á mellora da detección precoz da violencia de xénero e da violencia sexual en poboación escolar e activación dos mecanismos de resposta proactiva a través das estruturas organizativas dos centros” e “o apoio especializado a todo o alumnado vítima de violencia de xénero a través de mecanismos de cooperación e coordinación interinstitucional”.

Por todo isto a Xunta seguirá a promover nos próximos anos, tal e como anunciou a secretaria xeral, programas coeducativos enfocados á ruptura dos estereotipos de xénero, á difusión de referentes femininas nos distintos eidos e a promover un proxecto persoal e profesional libre de condicionamentos de xénero.

Todas estas medidas, subliñou, estenderanse ao ámbito do deporte e o fomento da presenza das nenas na actividade física, ás familias e á xuventude.

A Xunta, por outra banda, seguirá a promover, remarcou a secretaria xeral, as relacións afectivo-sexuais igualitarias e libres de violencia de xénero, a través de actividades formativas que implicarán ás áreas de Sanidade, Educación, Xuventude e Benestar.

“A Administración educativa debe xogar un papel fundamental na prevención da violencia de xénero e de comportamentos e actitudes sexistas -con especial atención á violencia de xénero dixital-, na resolución dos conflitos e na aprendizaxe da convivencia baseada no respecto a todas as persoas”, subliñou López Abella, quen destacou o papel da comunidade escolar no fomento de actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento en igualdade.

Imaxes relacionadas