O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cos promotores do proxecto: Naturgy, Repsol e Reganosa

A Xunta ofrece todo o seu apoio á futura planta de hidróxeno verde de Meirama na busca de alternativas industriais para a comarca

Galicia espera que o Goberno teña en conta esta iniciativa no reparto dos fondos europeos e modifique a planificación eléctrica vixente para atender as súas necesidades enerxéticas
 

Naturgy, Repsol e Reganosa amosaron o seu interese por formar parte da Alianza Industrial do Hidróxeno Verde que impulsa a Xunta de Galicia
 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou hoxe todo o apoio da Xunta ao proxecto para instalar en Meirama, no concello coruñés de Cerceda, unha planta de produción de hidróxeno verde, promovido por Naturgy, Repsol e Reganosa.

Nunha xuntanza cos responsables destas compañías, Conde agradeceulles o compromiso e a aposta que están a facer por Galicia. Trátase dunha planta cunha potencia inicial escalable de 30MW e que se estima que poida xerar en torno a 400 postos de traballo directos e indirectos.
 

Conde ofreceu a máxima colaboración do Goberno galego a través dos instrumentos da Lei de simplificación administrativa para darlle a maior axilidade posible á tramitación deste proxecto. Nese sentido, avanzou que a Administración autonómica xa está avaliando a súa declaración como Iniciativa Empresarial Prioritaria

“Imos apoiar este proxecto e esperamos que o Goberno tamén o poida facer a través das diferentes liñas de acompañamento que teñen establecidas nos fondos europeos Next Generation, que deben permitir que Galicia sexa unha referencia desde o punto de vista do desenvolvemento do hidróxeno verde en España”, abondou.
 

Na mesma liña, Conde tamén pediu ao Goberno unha revisión da planificación eléctrica vixente e un reforzo do investimento nas liñas de distribución e transporte para que este e outros proxectos industriais que se van impulsar en Galicia poidan ter as súas necesidades enerxéticas cubertas.

Finalmente, o vicepresidente económico aludiu á futura Alianza Industrial do Hidróxeno Verde que se vai constituír en Galicia para posicionar este sector e da que, dixo, formará parte toda a cadea de valor desta industria e, concretamente, empresas como Naturgy, Repsol e Reganosa.

Imaxes relacionadas