O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuníronse coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia

A Xunta pon en valor o futuro matadoiro móbil como ferramenta para favorecer a comercialización das producións cárnicas de zonas de montaña

Os responsables da Consellería animaron os representantes de Ovica a continuar traballando por estas producións e a aproveitar a Lei de recuperación da terra agraria, xa que a nosa comunidade conta con moita superficie útil para ese tipo de gando

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse con responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica)

No encontro de traballo, os representantes da Consellería explicáronlles aos de Ovica os trámites que se están ultimando para a posta en marcha do matadoiro móbil, que está prevista para comezos do vindeiro ano 2023. Os responsables da asociación amosaron especial interese por esta iniciativa, orientada a dar servizo a explotacións das zonas de montaña das provincias de Ourense e de Lugo, máis afastadas dos matadoiros fixos. 

Por outra banda, dende a asociación de criadores trasladouse tamén a posibilidade, que están considerando, de poñer en marcha unha sa de despece, que podería facilitar a comercialización dos seus produtos. Neste sentido, o conselleiro informoulles de diferentes liñas de axudas ás que se poderían acoller, no caso de levar adiante a iniciativa, para procurar apoio económico. O obxectivo sería mellorar o produto, no sentido de buscar unha homoxeneidade en tamaño, peso e condicións organolépticas. 

A maiores, José González animou os responsables de Ovica a continuar co seu labor a prol destas producións, xa que -sinalou o conselleiro- Galicia conta con moita superficie susceptible de ser aproveitada por ese tipo de gando e coas figuras da Lei de recuperación da terra agraria teñen moitas posibilidades para facelo.

 

Imaxes relacionadas