A Xunta impulsa o intercambio cultural e lingüístico de 200 alumnos galegos con escolares das rexións de Hauts-de-France e Bretagne

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina a estas iniciativas un orzamento total de 80.000€

O Goberno galego promove tamén o traballo colaborativo entre estudantes de 41 centros da nosa Comunidade e de diferentes países a través do programa ‘EduExchanges’
 

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2022 Un total de 200 alumnos e 20 profesores de 3º e 4º de ESO participarán nos programa de intercambio con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France (a través do programa Galimiens) e Bretagne, ambas no país veciño. O obxectivo destas iniciativas, enmarcadas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingue 2030, é potenciar a aprendizaxe activa da lingua francesa do noso alumnado e mellorar a súa competencia lingüística. Desta forma promóvese a convivencia escolar, lingüística e cultural entre Galicia e estas dúas rexións francesas, tendo en conta o enorme interese que o ensino da lingua, a literatura e a cultura, tanto galegas como españolas, suscitan na rexión francesa, así como a afección pola lingua e a cultura do país veciño no sistema educativo da nosa Comunidade. 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina a estas iniciativas un orzamento total de 80.000€. Os centros participantes nestes programas reciben unha asignación económica de 4.000€ cada un para sufragar conceptos varios vencellados á viaxe de intercambio. As persoas coordinadoras do programa en cada centro serán as responsables da actividade de intercambio, tanto no aspecto organizativo como educativo, durante a estancia do alumnado francés en Galicia e a do alumnado galego en Francia. As datas das mobilidades do alumnado a Francia e a Galicia serán concretadas polas persoas coordinadoras de cada centro.  

Durante o período de intercambio, o alumnado galego –10 escolares por cada centro– participante no intercambio deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da estancia dos estudantes franceses en Galicia. 

Os centros participantes son os recollidos na seguinte táboa:

Programa
Provincia
Concello
Centro
Bretagne
A Coruña
Cambre
IES Alfonso X O Sabio
Bretagne
A Coruña
Cerceda
CPI Plurilingüe O Cruce
Bretagne
A Coruña
Malpica de Bergantiños
IES Urbano Lugrís
Bretagne
A Coruña
Oleiros
IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas
Bretagne
Ourense
Ourense
IES Universidade Laboal
Bretagne
Pontevedra
Caldas de Reis
IES Plurilingüe Aquis Celenis
Bretagne
Pontevedra
Cangas
IES María Soliño
Bretagne
Pontevedra
Gondomar
IES Plurilingüe Terra de Turonio
Bretagne
Pontevedra
Redondela
IES Mendiño
Bretagne
Pontevedra
Vigo
IES O Castro
Hauts-de-France
A Coruña
Frades

CPI de Ponte Carreira

Hauts-de-France
Lugo
Burela
IES Monte Castelo
Hauts-de-France
Lugo
Monforte de Lemos

IES Francisco Daviña Rey

Hauts-de-France
Ourense
Ourense

IES Ramón Otero Pedrayo

Hauts-de-France
Ourense
Viana de Bolo
IES Carlos Casares
Hauts-de-France
Pontevedra
Meis

CPI de Mosteiro-Meis

Hauts-de-France
Pontevedra
Pontevedra
IES A Xunqueira II
Hauts-de-France
Pontevedra
O Rosal

CPI Manuel Suárez Marquier

Hauts-de-France
Pontevedra
Vigo

IES Alexandre Bóveda

Hauts-de-France
Pontevedra

Vilagarcía de Arousa

IES Castro Alobre

Traballo colaborativo

A maiores, o Goberno galego promove tamén o traballo colaborativo entre estudantes da nosa Comunidade e de diferentes países a través do programa EduExchanges, de intercambio en liña para realizar un proxecto no que afonden no coñecemento mutuo con colexios e institutos estranxeiros. 

Deste xeito, alumnado galego de 5º e 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato de 41 centros galegos participará nesta iniciativa con escolares de Austria, Canadá, Estados Unidos, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Suecia e Suíza. 

O centro educativo será o encargado da selección do lycée ou collège co que realizará este intercambio, que será coordinado por un docente. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achega un orzamento de 250€ a cada colexio ou instituto por cada un dos proxectos nos que participa, ata un total de 43 iniciativas colaborativas. A relación de colexios e institutos participantes pódese consultar na resolución publicada no Portal Educativo.

 

 

Imaxes relacionadas