A Xunta executou xa o 100% do Plan anual 2022 da cooperación galega para o desenvolvemento

A dotación final ascendeu a case 8,2M€ tras a incorporación de 364.200 euros ao longo do ano

Ao abeiro das distintas convocatorias impulsáronse 54 proxectos e 16 convenios, financiáronse 136 actuacións e realizáronse intervencións de cooperación e acción humanitaria en 26 países
 

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2022 

A execución do Plan anual 2022 da cooperación galega para o desenvolvemento da Xunta chegou xa ao 100%. Cunha dotación orzamentaria inicial de 7,8M€, 386.450 euros máis có ano pasado, ao longo deste exercicio incorporou 364.200 euros, co que a dotación final ascendeu a case 8,2M€.

No marco do Plan resolvéronse catro convocatorias públicas de axudas para proxectos de cooperación no exterior para ONGD e outros axentes, de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, e de acción humanitaria, con 54 proxectos aprobados. Deste total, 47 teñen continuidade e financiamento comprometido para 2023.

Tamén se resolveu a convocatoria de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Ademais, asináronse 16 novos convenios de colaboración, unha prórroga e catro addendas con diferentes entidades. Ao abeiro destas iniciativas financiáronse 136 actuacións e desenvolvéronse intervencións de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria en 26 países. A maiores realizáronse diversas accións divulgativas e formativas.

Por outra banda, o informe reflicte que se lle deu continuidade aos 47 proxectos cuxo financiamento foi aprobado en anos anteriores no marco das distintas convocatorias e a través da sinatura de convenios que tiñan prevista unha anualidade en 2022.

No que se refire á distribución do orzamento, máis do 81% foi para convocatorias públicas, o 78% destinouse a ONGD e o 70% a actuacións de cooperación para o desenvolvemento.

O Plan anual 2022 recolle os compromisos, medios de actuación e recursos orzamentarios que a Xunta pon á disposición da cooperación para o desenvolvemento ao longo deste ano, de acordo coas orientacións establecidas no IV Plan director da cooperación galega 2018-2021. O documento marco foi adaptado ao contexto derivado da pandemia da covid-19 nos países socios pola Estratexia de resposta á covid-19 da cooperación galega, aprobada en 2021 e que mantén a súa vixencia.

Imaxes relacionadas