A Xunta consolidará en 2023 o programa Bonos de innovación para que microempresas e pemes gañen en competitividade

Búscase apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia de negocio, mediante a contratación de servizos externos
 

Poderán ser beneficiarios as asociacións e fundacións, así como empresas do terceiro sector, dando cabida a actuacións específicas de innovación social
 

Como novidade, as pemes que realizan as bonificacións da Seguridade Social por máis de 10 investigadores poderán contar con estas axudas para cubrir os custos de certificación
 

Nesta segunda convocatoria simplifícase máis o proceso de solicitude e inclúese na baremación máis puntuación aos proxectos que se leven a cabo nos Concellos Emprendedores
 

Na primeira convocatoria as axudas chegaron a 66 beneficiarios, dos que o 67% obtiveron por primeira vez un apoio da Axencia Galega de Innovación

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia avanzou a nova convocatoria dos Bonos de innovación que contarán, en 2023, cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes.

 

Con estes bonos, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación trata de apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia, así como facilitar as actuacións que leven a cabo. Os Bonos de innovación complementan as capacidades das empresas a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

 

Por unha banda, estas axudas permitirán contratar servizos de apoio á innovación, como actividades de protección á innovación (a través de modelos de utilidades e patentes), xestión e vixilancia tecnolóxica ou accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos, nos que se inclúen especialmente as accións de deseño. Por outra banda, concederanse bonos para cubrir os custos derivados da tramitación de presentación de axudas de tipo individual ou cooperativo ás convocatorias de I+D+i estatais, europeas e internacionais, así como para a contratación de servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e, como novidade, para bonificacións da Seguridade Social por máis de 10 investigadores.

 

As axudas, de concorrencia competitiva, cobren o 70% do custo elixible -agás no caso dos custos de protección de coñecemento que é do 50%-, e poden chegar aos 35.000 euros.

 

Como principais novidades nesta convocatoria, amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica. As entidades deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia e carecer de ánimo de lucro pero contar con actividade económica, isto permitirá que tanto as empresas coma as asociacións ou fundacións destes ámbitos poidan mellorar os seus servizos á sociedade e, en especial, aos colectivos máis desfavorecidos, a través da innovación social.

 

Ademais, este ano amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador. Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude será de dous meses. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.

 

Na primeira edición, os Bonos de innovación chegaron a 66 empresas, das que o 67% foi a primeira vez que obtiveron axudas da Axencia Galega de Innovación. Este programa verase complementado con outras medidas para as pequenas e medianas empresas como InnovaPeme e DeseñaPeme, co que se porán a disposición deste tipo de compañías un total de 5,25M€ no primeiro cuadrimeste de 2023.

 
Con este tipo de axudas, a Xunta pretende achegar a innovación a todo o tecido empresarial galego mellorando os seus produtos, servizos e procesos e xerando valor engadido para os consumidores e clientes, así como conseguir un impacto positivo na súa capacidade para crecer e internacionalizarse.

Imaxes relacionadas