Rueda anuncia que a Xunta vai construír un novo treito de 7,5 km da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e O Rollo

Subliña que a ampliación desta vía suporá un investimento total de “máis de 60 M€” e que se levará a cabo en dúas fases

Sinala que o Consello da Xunta aprobou hoxe a información píublica do novo treito de 7,5 km da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e O Rollo

A Xunta destinará un investimento de máis de 33,2 M€, incluíndo as expropiacións, ao novo subtreito, que discorrerá de norte a sur e paralelo á estrada AC-841

Executaranse algo máis de 3,5 quilómetros con dous enlaces: coa adecuación do existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso rueda, avanzou que o Consello aprobou na súa reunión semanal o expediente de información pública dun novo treito da autovía Santiago-A Estrada. Trátase de 7,5 novos quilómetros entre A Ramallosa (Teo) e o enlace coa PO-841, no Rollo (A Estrada) que se enmarcan na aposta do Goberno galego por “ampliar a rede de vías de altas prestacións libres de peaxe”, resaltou o presidente.

 

Rueda destacou que investimento total para ampliar esta vía “superará os 60 millóns de euros” e que as obras se dividirán en dúas fases: un subtreito entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241); e e outro entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841).

 

Tal e como explicou o presidente, o Consello autorizou hoxe a información pública do novo treito de case oito quilómetros da autovía Santiago-A Estrada e tamén aprobou o proxecto de trazado do primeiro dos subtreitos, o que une A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.

O investimento que o Goberno galego destinará a prolongar este novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago superará os 33,2 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 291 predios necesarios para impulsar estas obras.

 

No proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas, o novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.

 

A súa lonxitude é de algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito. A Actuación inclúe 6 novas estruturas: viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores.

 

Máis en detalle, redeséñase o enlace existente na Ramallosa que une a AG-59 coa estrada AC-841, que constará dun ramal dirección Santiago e un de saída á AC-841. O novo enlace que se construirá na AC-241 constará dunha vía de acceso á AG-59 en sentido Santiago e un de saída, que termina nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a AC-241.

 

Tamén se executarán ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

 

As obras previstas inclúen 6 estruturas de nova construción: o viaduto en Santa Lucía, de 150 m de lonxitude; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa de 56 metros de lonxitude e outro no enlace coa AC-241 de algo máis de 39 metros de lonxitude; e os tres pasos inferiores.

 

O Goberno galego prevé iniciar no primeiro trimestre de 2023 as expropiacións co obxectivo de “licitar as obras no primeiro semestre do ano que vén”, indicou Rueda.

 

Ademais se seguirá traballando en paralelo no proxecto construtivo do subtreito previsto ata o enlace coa estrada PO-841, no Rollo.

 

Tramitación

A Xunta considerou a necesidade de realizar diversas actuacións de mellora da seguridade viaria e aumento da capacidade mediante a prolongación do actual treito entre Santiago e A Ramallosa, dando continuidade á autovía AG-59.

 

Na determinación do Goberno galego para materializar a prolongación desta autovía libre de peaxe o 18 de novembro de 2020 someteuse ao proceso de información pública o estudo de impacto ambiental e de actualización do proxecto de construción dun novo treito da autovía Santiago-A Estrada, que se traduciu na tramitación conxunta de dous subtreitos distintos: entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241); e, entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841).

 

Deste xeito, a actualización dos proxectos iniciais tiñan por finalidade adaptalos á normativa vixente, evitar a afección a un castro, que foi cuestionada pola autoridade competente en Patrimonio Cultural e, ademais, racionalizar o impacto territorial.

 

As administracións consultadas foron: o Concello da Estrada, o Concello de Teo, a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o Instituto de Estudos do Territorio, o Servizo de Montes da Coruña, o servizo de Montes de Pontevedra, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o Servizo do Patrimonio Natural da Coruña e o Servizo do Patrimonio Natural de Pontevedra, que remitiron os seus correspondentes informes sectoriais.

A Axencia Galega de Infraestruturas avaliou os ditos informes sectoriais, aos que lles deu resposta.

 

Ademais do proxecto de trazado, tamén se someteu a información pública o estudo de impacto ambiental da actuación, dando como resultado a declaración de impacto ambiental favorable por parte do organismo competente, feita pública o pasado 9 agosto do 2022.

 

A Xunta, unha vez analizadas as achegas presentadas, incorpora ao proxecto as consideracións oportunas, entre elas, un novo camiño de servizo entre os puntos quilométricos 106+300 ao 106+700, para dar continuidade e posibilitar a comunicación entre ambas as marxes da autovía. Ademais, executarase un novo camiño de servizo paralelo ao tronco da autovía proxectada entre os puntos 107+120 ata o 107+320 coa finalidade de mellorar os accesos e comunicacións entre ambas as marxes da nova infraestrutura, das leiras e explotacións gandeiras existentes nesta entorna.

 

Tamén se realizará un cambio de trazado e a reposición do oleoduto Coruña-Vigo que atravesa a traza da AG-59 en dous puntos: na zona do enlace da Ramallosa, no punto 100+240, e na zona previa ao viaduto de Santa Lucía, no 100+400. Inclúese, tamén a modificación da sección dos pasos inferiores dos eixos 11 e 19 (puntos quilométricos 106+320 e 107+119) e do paso superior do eixo 17 (punto 104+789), co obxectivo de dar continuidade ao Camiño da Geira e dos Arrieriros interceptados pola actuación.

 

A Xunta destinará un investimento global que superará previsiblemente os 60 M€, aos que deben sumarse os case 1,2 millóns de euros precisos para completar as expropiacións, para darlle continuidade ao trazado entre a AP-53 e A Ramallosa, e conectar, tamén, por autovía os concellos de Teo e A Estrada.

 

Imaxes relacionadas