A Xunta destinará 19 M€ para o mantemento dos Camiños de Santiago no período 2023-2025
Salienta que se trata dunha partida “importante” para que estean en “perfecto estado”, xa que considera que unha das “razóns de éxito” con “número de visitantes récord” deste Xacobeo se debe ao “bo estado de mantemento e conservación” dos mesmos
As actuacións que se van levar a cabo teñen como finalidade manter os Camiños Xacobeos nun óptimo estado para o paso dos peregrinos, mediante a execución das operacións, tarefas e atencións periódicas necesarias para o seu mantemento
As obras comprenden as actuacións de acondicionamento e mellora dos distintos treitos dos Camiños de Santiago, así como o reforzo e a mellora da sinalización
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta deu o visto e prace ao proxecto de acordo polo que se autoriza o expediente de gasto derivado da contratación de servizos e de obra relativa destinados á conservación integral do Camiño de Santiago cun orzamento de 18,9 millóns de euros para o período 2023-2025.
En canto ás actuacións que se van levar a cabo, o mandatario galego explicou que teñen como finalidade manter os Camiños Xacobeos nun óptimo estado para o paso dos peregrinos, mediante a execución das operacións, tarefas e atencións periódicas necesarias para o seu mantemento. “Todo o que supón de mantelos en perfecto estado de revista”, resumiu Rueda, quen precisou que as obras comprenden as actuacións de acondicionamento e mellora dos distintos treitos dos Camiños de Santiago, así como o reforzo e a mellora da sinalización. Ademais comprenden, entre outras, tarefas de operacións de vixilancia, seguimento e control, e tarefas preventivas de limpeza e de sega nestas rutas.
Todas as actuacións se levarán a cabo en toda a da rede de camiños que pertencen ao Camiño de Santiago. Así, actuarase no Camiño Francés, no do Norte, no Interior, no Primitivo, no Portugués e no Portugués da costa, na Vía da Prata- Mozárabe, no Camiño de Fisterra Muxía, no Inglés e no de Inverno.